Besteiro: “A única esquerda que pode gobernar Galicia xa está en marcha”

O líder do PSdeG chama á mobilización e reivindica o socialismo como a única alternativa real ao PP
Besteiro
10 Mar 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, proclamou hoxe, na clausura do 15º Congreso Nacional do Partido Socialista de Galicia, que o PSdeG é a única esquerda con capacidade de gobernar Galicia. “Somos a alternativa real ao conformismo do PP e á Galicia da resignación que impón Rueda. Somos a esquerda que pode, a única esquerda que pode”, asegurou ante un auditorio cheo de militantes e simpatizantes.

Besteiro advertiu que a dereita galega instalou o país nunha espiral de decadencia, mentres o Goberno de España ofrece solucións reais. Como exemplo, criticou que Rueda se negue a aceptar a condonación de 4.000 millóns de euros da débeda autonómica simplemente porque é unha medida socialista. "A alguén lle entra na cabeza que che digan que podes perdoar un terzo da débeda e ti digas que non? Este é o ‘sentidiño’ do PP", ironizou.

No seu discurso, o líder socialista tamén fixo un chamamento á mobilización da esquerda e rexeitou as terceiras vías. “Aquí hai tres opcións: unha dereita que só goberna para os seus, un nacionalismo que se pecha en si mesmo e un proxecto socialista que sempre puxo Galicia no centro. Nós somos a esquerda galega, a esquerda que pode e que vai gobernar", afirmou.

Un modelo de futuro fronte á decadencia do PP

Besteiro denunciou que a sanidade galega está ao límite, con máis de 200.000 galegos agardando por unha cita cun especialista. "Cada día de goberno do PP en Galicia é un día máis de deterioro da sanidade pública e de negocio para a privada", advertiu. Comprometeuse a reforzar a Atención Primaria e reducir as listas de espera, garantindo un sistema sanitario público forte e accesible.

Tamén puxo o foco na necesidade dunha política de vivenda efectiva que dea solucións reais á mocidade. "Cada día hai tres novos solicitantes engrosando unha lista de espera interminable para acceder a unha vivenda. Por iso, o PSdeG creará un Banco Público de Alugueiro, para garantir prezos accesibles e que ningún mozo ou moza teña que marchar de Galicia por non poder pagar unha casa", anunciou.

Besteiro tamén denunciou a manipulación dos medios públicos en Galicia ao servizo do PP e asegurou que o PSdeG traballará para recuperar a pluralidade informativa. "A Radio e Televisión Pública de Galicia converteuse nunha factoría de bulos e manipulacións co único obxectivo de perpetuar a dereita no poder. Iso ten que rematar", afirmou.

Sobre o modelo económico, Besteiro apostou pola reindustrialización e a transición ecolóxica, pero sen permitir "trampas nin especulación". Referiuse directamente ao proxecto de Altri en Palas de Rei, deixando claro que "ningún modelo industrial será imposto en Galicia sen transparencia, respecto ao medio ambiente e garantías para a cidadanía".

O secretario xeral tamén defendeu a conectividade de Galicia e a necesidade de evitar unha comunidade "a dúas velocidades". “Defendemos unha Galicia ben conectada cara ao exterior e no seu interior. Non queremos unha Galicia que quede atrás”.

Finalmente, Besteiro alertou sobre o ascenso da extrema dereita e do nacionalismo excluínte, asegurando que o PP foi o cabalo de Troia que abriu as portas da extrema dereita nas institucións. "En Galicia non, porque aquí a extrema dereita xa está acomodada no PP", advertiu.

Besteiro concluíu o seu discurso asegurando que "este Congreso marca o inicio dun camiño sen volta atrás. Galicia necesita un cambio e nós lideraremos ese cambio. Sen unha soa pinga de dúbida. Ímolo facer!”.

⚙ Configurar cookies
0.13083004951477