Besteiro: “Abrimos a porta para que o galego chegue a Europa; agora tócalle ao PP demostrar se falaba en serio ou era pantomima”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o eurodeputado Nicolás González Casares esixen ao PP pasar das palabras aos feitos para implantar o galego no Parlamento Europeo, tras a aprobación unánime do Parlamento galego.
Besteiro Acto
20 May 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe de que chegou o momento de comprobar se o Partido Popular mantén de verdade o seu apoio ao uso do galego no Parlamento Europeo ou se todo fora “unha escenificación sen continuidade”. “En Galicia abrimos a porta para que o galego entre en Europa. Agora queremos ver se o PP está disposto a cruzala ou se todo foi unha pantomima”, afirmou Besteiro durante unha rolda de prensa no Parlamento de Galicia, xunto coa deputada promotora da iniciativa, Silvia Longueira, e o eurodeputado Nicolás González Casares.

Gómez Besteiro lembrou que a proposición para que o galego conte con intérpretes e servizos lingüísticos en Bruxelas foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego, “un paso histórico impulsado polos socialistas”. Agora, insistiu, “é preciso facer políticas útiles, realistas e de longo prazo: o galego ten que converterse nunha prioridade. Fan falla planificación, investimento e vontade política, todo o contrario do que está a facer o PP”.

O líder socialista denunciou tamén a exclusión do PSdeG da sesión de control ao presidente da Xunta por mor dunha “pinza PP-BNG” que quere silenciar a voz do Socialismo na Cámara autonómica. “Non nos van calar”.

“Un traballo serio en Europa”
O eurodeputado Nicolás González Casares explicou que xa contactaron cos cinco vicepresidentes do Parlamento Europeo encargados da implantación das linguas cooficiais —entre eles, Esteban González Pons (PP)— e “agora toca pasar das palabras aos feitos”. Lembrou que outras linguas —como o euskera ou o catalán— xa están recoñecidas e que, se hai vontade política, o galego podería incorporarse á Eurocámara en 2026.

O galego como prioridade
Besteiro subliñou que “a cidadanía vai por diante das institucións”, como demostraron as mobilizacións do 17 de maio, e que a supervivencia do idioma require presenza no dixital, no educativo e no institucional. “Non bastan fotos nin titulares”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.10098481178284