Besteiro acusa a Rueda de abandonar a Pontevedra nos Orzamentos de 2026 e de propoñer “pisos zulo” no canto de vivenda pública digna

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, presentou en Vigo a súa valoración dos Orzamentos da Xunta para 2026, nos que ve un abandono da provincia de Pontevedra e unha renuncia á vivenda pública digna.
Besteiro
24 Oct 2025

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, presentou hoxe en Vigo a súa valoración dos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026, acompañado polo secretario provincial David Regades, a secretaria de organización adxunta de Pontevedra, Mila Lores, o responsable de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada, e os deputados Carlos López Font e Paloma Castro.

Besteiro iniciou a súa intervención destacando que as contas propostas polo presidente Alfonso Rueda “destinan máis cartos a pagar débeda aos bancos que á Atención Primaria, á vivenda ou á dependencia. Esa é a súa verdadeira prioridade”.

O líder socialista puxo o foco na política de vivenda, que cualificou como “o espello do fracaso da Xunta”. Lembrou que Galicia recibiu 573 millóns de euros do Goberno de España e da Unión Europea para construír vivenda pública desde 2021, “pero, tres anos despois, apenas se moveu unha pedra”.

Na provincia de Pontevedra, máis de 10.700 persoas agardan por un fogar, a metade de toda Galicia. “E a resposta da Xunta son uns ‘micropisos’ de 26 metros cadrados, auténticos pisos zulo onde se come, se dorme e se cociña no mesmo espazo. Iso non é política de vivenda, é resignación institucional”, advertiu Besteiro.

Engadiu ademais que “a vivenda non é só un teito: é seguridade, é futuro, é poder facer plans. E cando un goberno renuncia a iso, está renunciando a Galicia”.

Pontevedra, a provincia esquecida

Besteiro subliñou que a provincia de Pontevedra volve quedar fóra dos Orzamentos, con máis da metade dos 61 concellos sen unha soa partida específica. “O PP fala de 690 millóns para Vigo —comentou—, pero o investimento real para toda a provincia non chega nin a 190 millóns. É dicir, moito anuncio e pouca obra”.

Tamén advertiu que o Fondo de Cooperación Local continúa conxelado por décimo quinto ano consecutivo, deixando só 30 millóns para todos os concellos pontevedreses. “Unha cifra ridícula —engadiu— que non chega nin para cubrir as competencias impropias que a Xunta lles traslada aos concellos”.

O secretario provincial, David Regades, afondou nos detalles e asegurou que “a Xunta manexa un mapa da provincia cheo de buratos. Non hai planificación nin vontade, só propaganda e anuncios repetidos”.

Regades criticou tamén a falta de aposta pola industria e pola sanidade pública, lembrando que “hai centros de saúde abandonados mentres se segue pagando a factura do hospital privado Álvaro Cunqueiro”.

En canto á vivenda, afirmou que “a Xunta leva 15 anos sen construír vivenda pública en Pontevedra e agora saca peito de proxectos financiados con fondos europeos do Goberno de España”. Tamén denunciou o abandono das persoas maiores e dependentes, a infrafinanciación das escolas infantís e a ausencia de recursos reais para mulleres vítimas de violencia de xénero.

“A verdade é que estes Orzamentos non resolven nin un só dos retos estratéxicos da provincia. Non hai proxecto, nin rumbo, nin empatía. Só un PP instalado na autocompracencia”, concluíu Regades.

⚙ Configurar cookies
0.303542137146