Besteiro acusa a Rueda de alimentar o negacionismo e ínstalle a aclarar cales son os sus principios

O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu no Parlamento dunha “deriva negacionista” do PP galego e pediu ao presidente Alfonso Rueda claridade ética
Valoración-orzamentos-Xunta-PSOE-Besteiro
20 Nov 2025

O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, utilizou hoxe a sesión de control no Parlamento de Galicia para situar o debate político no terreo dos principios democráticos. Lembrou que este 19 de novembro se cumpren 92 anos do primeiro voto feminino en España e que mañá se conmemoran 50 anos da morte de Franco, datas que —dixo— deberían servir para reforzar consensos básicos.

A partir desta dobre referencia histórica, denunciou que a dereita e a ultradereita están impulsando “unha regresión preocupante de dereitos”, mentres o PP de Galicia actúa “con compracencia e sen exercer responsabilidade institucional”. Como mostra, citou declaracións de destacados dirixentes populares, como Feijóo ou Tellado, que —sinalou— “normalizan discursos incompatibles cunha democracia madura”.

Besteiro advertiu de que este comportamento forma parte dun patrón que se repite en diferentes ámbitos: memoria democrática, política migratoria, loita contra a violencia machista ou acción climática. Así, acusou á Xunta de votar contra a lei estatal de memoria, bloquear unha lei galega, non constituír o Consello da Memoria e suprimir as axudas existentes. “Non fixeron nada”, reprochou.

Tamén subliñou que determinados discursos sobre menores migrantes, sobre a violencia machista ou sobre a emerxencia climática amosan ese mesmo “negacionismo”, que —afirmou— acaba afectando ás vítimas do franquismo, aos migrantes, ás mulleres e ás advertencias científicas sobre o clima.

“O que queremos saber é cales son os seus principios”, dirixiuse directamente a Rueda. Para Besteiro, o presidente da Xunta debe posicionarse con claridade sobre cuestións esenciais que afectan á convivencia e aos dereitos fundamentais. “Os galegos e galegas teñen dereito a saber desde onde fala o presidente da Xunta e desde que principios actúa”, insistiu.

O líder socialista concluíu alertando de que Galicia vive “unha onda regresiva que se alimenta do negacionismo” e que o papel dun presidente autonómico é freala, non alentala. “Preocúpalle esta deriva ou ilusiónalle?”, preguntou ao peche da súa intervención.

⚙ Configurar cookies
0.44842791557312