Besteiro acusa a Rueda de enganar á cidadanía cunha suposta débeda coa Lei de Dependencia e de afogar aos concellos

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe no Parlamento ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de enganar á cidadanía galega cunha “mentira” sobre unha suposta débeda de 2.500 millóns de euros do Estado con Galicia pola Lei de Dependencia, mentres, segundo afirmou, “afoga aos concellos e pon en perigo a atención a milleiros de persoas dependentes”.
“Vostede leva meses dicindo que o Estado debe 2.500 millóns de euros a Galicia pola Lei de Dependencia. Pois se está tan convencido, por que non o reclama nos tribunais?”, preguntou Besteiro. “Se eu fose presidente da Xunta e estivera seguro de que Galicia ten pendente esa débeda, créame, estaría xa no xulgado”, engadiu.
Besteiro retou a Rueda a “pasar das palabras aos feitos”: “Demostre con feitos o que di: denuncie. E se ten razón, apoiarémolo. Pero xa sei o que vai pasar: non o vai facer, porque non é certo. E se é certo e non denuncia, entón é vostede cómplice dun fraude”.
O líder socialista advertiu de que o verdadeiro problema da dependencia en Galicia é que os concellos están asfixiados e non poden seguir prestando o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que atende a 26.000 persoas usuarias. “Son os concellos os que están a adiantar os cartos á Xunta, e así é imposible continuar”, sinalou.
Segundo explicou, “os concellos son responsables de xestionar o servizo, pero non de financiarlle a maior parte”. “De cada 24 euros que custa o SAF, a Xunta só achega 5 cos seus fondos propios”, asegurou Besteiro, quen cifrou en 350 millóns de euros o gasto asumido polos municipios galegos en 2024 “por un servizo que non deberían estar financiando eles”.
O deputado puxo exemplos concretos: “En Vilalba, o 25% do orzamento municipal vai ao SAF, e en Xermade está case no 40%. É imposible xestionar un concello así. E vostede sábeo”, reprochou a Rueda.
Besteiro advertiu ademais de que, fronte á “pasividade” da Xunta, os concellos poderían denunciar o incumprimento da lei, e asegurou que o PSdeG “será coherente e tamén os apoiará se o fan”.
O portavoz socialista acusou a Rueda de “baixarlle impostos aos máis ricos —ese 1% da poboación que concentra o 29% da riqueza en Galicia— mentres deixa sen financiamento un servizo esencial”. “Lonxe de corrixir a desigualdade, fai que quen máis precisa dos servizos públicos sexa quen máis sofre”, afirmou.
Besteiro concluíu cunha mensaxe directa ao presidente da Xunta: “Vostede incumpre, os concellos pagan o que non lles corresponde e os usuarios do SAF están en risco de perder o servizo pola súa culpa. Así que, señor Rueda… pague ou denuncie. O resto é unha estafa”.