Besteiro acusa a Rueda de esconder unha axenda ultra e deixarse levar pola “doutrina Abascal, a receita Aznar e o modelo Rato”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este mércores a Alfonso Rueda de aplicar “un programa político ultra que pouco ten que ver coas necesidades da maioría social”. Así o expresou na súa intervención durante a sesión de control ao presidente da Xunta no Parlamento galego, onde advertiu das consecuencias do apoio do PP galego á folla de ruta ideolóxica aprobada esta fin de semana no Congreso estatal do Partido Popular.
Besteiro puxo como exemplo o posicionamento a favor da redución do peso do Estado nas empresas públicas. “Cando vostede apoia que o Estado debe reducir o seu peso nas empresas públicas… está vostede dicindo que vai impulsar que se privatice Navantia, ou non?”, preguntoulle ao presidente, esixíndolle claridade sobre un asunto que afecta directamente ao tecido industrial galego.
O líder socialista alertou de que o modelo do PP está baseado en fórmulas fracasadas do pasado: en vivenda, a liberalización do solo e o abandono do control público, “a solución Rato”; en corrupción, o legado de Aznar e os sobres en negro; e en inmigración, a doutrina da ultradereita de Abascal. “Vostede ensinounos os seus modelos: Rato, Aznar, Abascal… só lle falta Mazón e xa ten o póker de ases”, ironizou.
Tamén criticou a falta de coherencia fiscal do PP, citando como exemplo a suba do 10 % no IBI en Ferrol, gobernado polo Partido Popular, en contraste coa súa mensaxe de rebaixa de impostos.
Besteiro concluíu pedíndolle a Rueda que deixe de lado a propaganda e actúe con responsabilidade: “Rectifique, atenda, escoite e actúe. Porque mentres vostede celebra, Galicia queda atrás”.