Besteiro acusa a Rueda de "espallar plantas de residuos" por toda Galicia

O secretario xeral socialista uniuse á veciñanza de Cacheiras para esixirlle ao Goberno de Rueda que non autorice unha instalación nesa parroquia
besteiro-planta-de-residuos-teo
26 May 2026

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, criticou ao Goberno de Rueda por “espallar plantas de residuos” por toda a xeografía galega. Besteiro uniuse en Cacheiras, no concello de Teo, aos veciños e veciñas que se opoñen a un proxecto dese tipo que a Xunta autorizou nunha zona moi próxima a numerosas vivendas.

Na compaña de representantes da Plataforma Stop Planta de Residuos-Cacheiras, o líder socialista subliñou que existe “unha oposición real” a unha instalación que cualificou de “exemplo das políticas que está desenvolvendo o PP”. “Vímolo a semana pasada en Laracha, vímolo co proxecto de Altri: hai unha falta de planificación absoluta”, indicou, e engadiu que o peor é que se actúa “de costas á cidadanía”. “Hai unha falta de transparencia e de claridade coa veciñanza en relación con este tipo de proxectos que se dan por feitos e que se queren impoñer”, censurou.

José Ramón Gómez Besteiro recoñeceu que ese tipo de plantas “son necesarias”, mais insistiu en que a súa situación require dunha planificación “axeitada” en todo o territorio. “Unha planificación que non está disposto a facer o PP”, criticou. Reclamou, ademais, que se debe garantir que son respectuosas co medio ambiente e coa poboación.

No caso concreto de Cacheiras, salientou que o movemento de tráfico pesado vai xerar “po, contaminación do aire e sobre todo do solo”. “Vai ser unha actividade molesta nun lugar pouco recomendable”, dixo.

“Estas plantas non se poden situar sen ningún tipo de orde”, argumentou Besteiro, que explicou que o Grupo Socialista vai “facer fronte” ao proxecto desde o Parlamento e vai reclamar un informe técnico sobre o seu impacto. De feito, xa ten rexistrada unha batería de iniciativas en relación coa planta de Cacheiras. Estes proxectos débense instalar en lugares onde non xeren problemas para a veciñanza”, insistiu.

0.34105587005615