Besteiro acusa a Rueda de favorecer ao 4% máis rico cun orzamento que abandona os servizos públicos e a vivenda

O líder do PSdeG critica que as contas da Xunta para 2026 benefician só a unha minoría e deixan sen solución o acceso á vivenda, cunha execución orzamentaria mínima e unha aposta “elitista” polas rebaixas fiscais.
Besteiro
23 Oct 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de presentar uns orzamentos para 2026 que “privilegian ao 4% máis rico da poboación e abandonan ao 96% restante con peores servizos públicos e cero solucións para a vivenda”.

Durante a sesión de control no Parlamento, Besteiro advertiu que as contas do Goberno galego son “un exercicio de autocompracencia e desigualdade” e lembrou que, segundo o propio conselleiro de Facenda, “115.000 galegos beneficiaranse das rebaixas fiscais, o que supón só o 4% da poboación”. “Non son beneficios fiscais, son privilexios elitistas”, afirmou.

O líder socialista criticou que Galicia deixe de ingresar 796 millóns de euros en beneficios fiscais, cartos que poderían reforzar os servizos públicos. “Esa é a diferenza entre gobernar para a inmensa maioría ou facelo para unha minoría que xa ten o seu benestar garantido”, engadiu.

Tamén censurou a “torpe negativa” de Rueda á condonación parcial da débeda, unha decisión “incomprensible” que supón que Galicia pague 1.858 millóns de euros aos bancos, máis do que se investirá en Atención Primaria ou Política Social. “Poderiamos aforrar 620 millóns de euros este ano, pero vostede négase por prexuízos políticos”, dixo, advertindo de que “Cataluña si obterá esa condonación mentres Galicia non”.

Besteiro puxo o foco no problema da vivenda, cualificándoo de “o máis grave” e lembrando que “hai 22.600 demandantes de vivenda pública e ningunha medida eficaz”. Criticou que os máis de 500 millóns de euros achegados polo Goberno central e Europa “non se traduciron en obra real nin en rehabilitación efectiva”, cunha execución orzamentaria que “apenas chega ao 5% a metade de ano e ao 30% no conxunto de 2024”.

“O problema da vivenda non se resolve con anuncios, senón con medidas reais”, insistiu Besteiro, quen propuxo crear un Banco Público de Aluguer con 5.000 vivendas a prezos asequibles, fronte á proposta da Xunta para 2026, que cualificou de “zulos habitacionais de 26 metros cadrados para durmir, comer e cociñar”.

Ademais, advertiu de recortes en partidas de discapacidade, solidariedade e migracións, e alertou de que o Servizo de Axuda no Fogar “segue en risco por falta de financiamento”. “Non fai falta que os ultras os presionen para atacar aos migrantes: xa o levan de serie”, ironizou.

Besteiro concluíu que estes orzamentos “non dan resposta aos problemas reais da cidadanía”: “A Galicia real son 22.600 persoas agardando unha vivenda pública, 50.000 en listas de espera para cirurxías e case un ano de espera media para a dependencia. Gobernan vostedes para facer aos privilexiados máis privilexiados, mentres o resto dos galegos teñen que amañarse como poidan”.

⚙ Configurar cookies
0.30431818962097