Besteiro acusa a Rueda de fuxir do debate sobre o financiamento autonómico: “Non quere gobernar con responsabilidade, quere gobernar con escusas”

O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe no Parlamento que Galicia precisa dun modelo de financiamento autonómico propio, adaptado á súa realidade, que garanta servizos públicos de calidade para toda a cidadanía, viva onde viva. “Non é só unha cuestión de contas, é unha cuestión de futuro”, subliñou, citando servizos como a sanidade, a educación, a dependencia ou a vivenda pública.
Besteiro reclamou un financiamento singular, suficiente e solidario, que teña en conta factores como o envellecemento, a dispersión poboacional, a despoboación e a lingua propia. “Se vostede defende isto, benvido ao modelo socialista”, dixo en referencia a Rueda, criticando a súa ausencia no debate sobre a reforma do modelo estatal.
Tamén reprochou á Xunta que rexeitase a proposta do Goberno central para condonar 4.010 millóns da débeda galega, que cualificou como unha oportunidade para aliviar as contas e avanzar cara a un sistema máis xusto. “Preferiron dicir que non para seguir a estratexia de Feijóo en Madrid”, afirmou.
Besteiro acusou ao Executivo galego de xestionar mal e lembrou que só se executou o 51% dos fondos europeos, segundo o Consello de Contas, e que nas provincias do interior como Lugo ou Ourense non se investiron recursos para corrixir desequilibrios territoriais. Ademais, asegurou que a Xunta “afoga” aos concellos ao non transferirlles os fondos que lles corresponden.
“O que pasa é que Galicia non está así porque non poida estar mellor, está así porque vostedes decidiron que non merecía máis”, concluíu. “Nós si cremos que Galicia merece máis e que hai que loitar por cada euro para mellorar a vida da súa xente”.