Besteiro acusa a Rueda de gobernar “sen rumbo nin proxecto” tras o arquivo de Altri en Palas

O secretario xeral do PSdeG critica o balance “triunfalista” da Xunta e asegura que o arquivo do proxecto de Altri evidencia improvisación e falta de planificación industrial.
carmela-lopez-jose-ramon-gomez-besteiro
23 Feb 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “se poña a traballar xa” e asegurou que o proxecto de Altri en Palas de Rei é “o último exemplo dunha Galicia sen rumbo nin proxecto baixo o seu mando”.

Besteiro respondeu así ao balance realizado por Rueda ao cumprirse dous anos do seu mandato, que cualificou de “triunfalista” e afastado da realidade. Segundo indicou, o arquivo do expediente de Altri resulta “paradigmático”, ao producirse apenas dous días despois de que o presidente falase de reindustrialización.

O líder socialista sostén que os datos oficiais desmenten o relato optimista da Xunta. Apuntou que preto de 30.000 persoas están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública; máis de 350.000 agardan por unha cita sanitaria; arredor de 50.000 esperan por unha intervención cirúrxica; e máis de 16.000 persoas permanecen pendentes dunha resolución en materia de dependencia, con demoras superiores aos 300 días.

Para Besteiro, estas cifras tradúcense en atrasos na emancipación da mocidade, presión nos centros de saúde e demoras excesivas no sistema de dependencia. “Esa é a situación real do país”, afirmou.

O secretario xeral do PSdeG considera que o caso de Altri evidencia improvisación, falta de planificación e unha política industrial baseada “máis no anuncio que na execución”. Ao seu xuízo, o Goberno galego xerou expectativas e confrontación social para rematar sen proxecto e sen alternativa clara.

Besteiro insistiu en que dous anos de mandato deben medirse polos resultados efectivos e non pola reiteración de anuncios. “Se a realidade desminte o balance, o que corresponde é asumir responsabilidades e actuar”, concluíu.

0.30436706542969