Besteiro acusa a Rueda de ignorar a “Galicia real” e de gobernar “instalado na propaganda”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de presentar no Debate do Estado da Autonomía “un relato que non se corresponde coa Galicia real” e de gobernar “instalado na propaganda”.
Segundo sinalou, o discurso do titular do Executivo galego supón “unha emenda á totalidade da súa propia xestión”, ao non abordar os principais problemas que afectan á cidadanía. “Falou dunha Galicia que non existe mentres miles de persoas seguen esperando solucións que nunca chegan”, advertiu.
Besteiro puxo o foco na crise da vivenda, lembrando que hai máis de 32.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes sen resposta. “Non hai política de vivenda, hai anuncios”, resumiu, criticando a falta de medidas reais, especialmente para a mocidade.
En materia sanitaria, denunciou unha “situación límite” con listas de espera elevadas e unha atención primaria debilitada. “O problema existe, pero a resposta segue sendo non facer nada distinto”, afirmou.
Tamén cualificou de “especialmente preocupante” a ausencia dun proxecto industrial para Galicia, asegurando que “non hai modelo, hai improvisación”, e criticou a falta de transparencia en iniciativas como Altri ou Recursos de Galicia.
No ámbito social, advertiu dun déficit de máis de 11.000 prazas residenciais para persoas maiores, denunciando que as prazas anunciadas “nunca se materializan”.
O líder socialista tamén destacou o “silencio revelador” de Rueda sobre o financiamento autonómico, ao que apenas fixo referencia no debate. “É a proba de que non hai unha posición clara para defender os intereses de Galicia”, sinalou.
Finalmente, cuestionou a xestión dos incendios forestais, lembrando que “Galicia está ardendo en abril” mentres a Xunta presume dun plan Pladiga que aínda non foi publicado. “Hai máis propaganda que prevención”, concluíu.