Besteiro acusa a Rueda de inacción ante os aranceis e reclama medidas urxentes

O líder do PSdeG critica que a Xunta siga “estudando” mentres o Goberno central xa adopta medidas fronte aos aranceis e pide altura política e diálogo.
Besteiro Altri
12 Apr 2025

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou hoxe que “seis días despois de pedirlle unha reunión a Rueda para abordar as ameazas dos aranceis para os intereses económicos e sociais das e dos galegos, obtivemos como única resposta a súa negativa a sentarse para falar dos problemas que afectan directamente á economía e ao futuro de Galicia”.

Besteiro advertiu que “mentres o Goberno de España actúa, o PP de Galicia cala”. Lamentou que “eles aínda seguen ‘estudando’, mentres o Executivo central xa está a poñer en marcha medidas de apoio”. Neste sentido, cualificou de “irresponsabilidade gravísima” a actitude do presidente da Xunta, e afirmou que “en momentos críticos, Galicia necesita unión, diálogo e altura política”.

O líder socialista sinalou que “un presidente que pecha as portas cando máis se necesita acordo, falla á súa responsabilidade e falla a Galicia”. Por iso, reclamoulle a Alfonso Rueda que se poña “el persoalmente ao fronte desta situación, que deixe de minimizar os problemas e que explique de inmediato que medidas vai adoptar a Xunta de Galicia para reforzar e complementar as accións do Goberno central”.

“Galicia non pode esperar”, remarcou Besteiro, que tamén criticou que “unha vez máis, o señor Rueda prefire poñer por diante os seus intereses partidistas, negándose a dar a cara porque Feijóo segue sen aclarar se vai estar do lado dos sectores afectados ou prefire a alianza con Vox”.

Finalmente, reiterou a disposición do PSdeG a colaborar: “Desde o Partido Socialista de Galicia tendemos a man unha vez máis: poñer Galicia por riba das siglas”. E concluíu: “A pelota está no tellado de Rueda: pode seguir fuxindo ou pode comezar a actuar como un presidente de verdade”.

⚙ Configurar cookies
0.11124777793884