Besteiro acusa a Rueda de “irresponsabilidade” pola falta de prevención ante os incendios

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “irresponsabilidade total” na xestión da prevención dos incendios forestais e advertiu de que Galicia podería repetir a situación do pasado verán.
Besteiro realizou estas declaracións na comarca da Gudiña, unha das zonas máis afectadas polos lumes, tras visitar o monte comunal de Tameirón, que ardeu nos últimos días, deixando centos de hectáreas queimadas. Alí reuniuse con representantes dos montes mancomunados de Tameirón e O Cañizo.
Durante a súa intervención, o líder socialista puxo o foco nos datos que, segundo afirmou, evidencian a falta de planificación da Xunta. En primeiro lugar, sinalou que se perderon 13 millóns de euros destinados á prevención, procedentes dunha convocatoria de reforestación dotada con 15 millóns, da que apenas se executaron 2 millóns.
Segundo explicou, esta situación produciuse porque a Administración autonómica non corrixiu as deficiencias detectadas na orde, o que provocou unha baixa participación e deixou sen utilizar a maior parte dos fondos.
A esta cifra súmanse outros 5,4 millóns de euros en axudas para actuacións en montes veciñais que, malia seren convocadas en 2024 para estar operativas antes do verán, non foron aprobadas ata agora. Besteiro advertiu de que algunhas das zonas incluídas nestes proxectos xa arderon mentres se agardaba pola súa execución.
Ademais, criticou que 194 solicitudes quedasen sen financiamento e que a Xunta eliminase a convocatoria de 2026, o que supón, segundo indicou, a perda doutros 4 millóns de euros. Tamén apuntou que existen partidas de anos anteriores que aínda non foron executadas.
O líder socialista denunciou así un “patrón de abandono e deixadez” que, ao seu xuízo, deixa o monte galego desprotexido ante a campaña de incendios. Neste sentido, lembrou que o Plan de Prevención e Extinción leva seis meses de atraso na súa aprobación, o que cualificou como un incumprimento legal.
Besteiro advertiu ademais de que os incendios xa non son un fenómeno exclusivamente estival, sinalando os lumes rexistrados este mes de marzo en zonas como o Xurés, Viana ou Monterrei. Segundo indicou, os expertos alertan de que os incendios de nova xeración superan a capacidade de extinción e requiren medidas baseadas na prevención.
O secretario xeral do PSdeG concluíu a súa intervención asegurando que “con 13 millóns perdidos en prevención e outros 5,4 bloqueados, Rueda será o único responsable se Galicia volve arder”, ao tempo que reclamou unha resposta urxente por parte da Xunta.