Besteiro acusa a Rueda de presumir duns Orzamentos que medran por debaixo do IPC “e que despois nunca executa”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este venres a Alfonso Rueda de “sacar peito” duns Orzamentos que medran por debaixo do IPC e do crecemento da economía, polo que —dixo— “en termos reais baixan, non medran como quere facer ver”.
Besteiro censurou desde Mondoñedo, durante a tradicional Feira das San Lucas, a “lamentable falta de respecto ás institucións” que, segundo el, o Goberno galego repite cada ano ao adiantar o contido das contas autonómicas antes da súa presentación no Parlamento. “Esta fin de semana comezamos a descubrir polos medios de comunicación as intencións de Rueda, cando os grupos da oposición aínda descoñecen o documento oficial”, reprochou.
O líder socialista apuntou que as novas contas previsiblemente incluirán unha partida similar á do anterior exercicio —uns 1.700 millóns de euros para amortizar débeda—, e criticou que o presidente da Xunta “se negue a que o Estado lle perdoe a Galicia 4.010 millóns”. “Simplemente, magnífico”, ironizou.
Besteiro lamentou que, malia a propaganda do Executivo autonómico, os investimentos sigan caendo e o Goberno “non execute o orzamentado, especialmente en gasto social, o que máis lle afecta á xente”. “De que serve aprobar orzamentos se non se executan?”, preguntouse.
Durante a súa visita á feira mindoniense, acompañado polo presidente da Deputación de Lugo e secretario provincial do PSdeG, José Tomé, Besteiro reclamou que o Concello se poña a traballar “en serio” para que As San Lucas —a feira máis antiga de España e de Europa— sexan declaradas festa de interese turístico nacional.
“Son moito máis que unhas festas; son parte viva da historia de Galicia e símbolo da nosa identidade rural”, asegurou, lembrando que o evento está a piques de cumprir 870 anos de historia.
Tomé sumouse á reivindicación e destacou que As San Lucas “representan o mellor da provincia de Lugo: o esforzo da súa xente, o valor do sector primario e a vitalidade das nosas vilas”. Subliñou tamén que “estas celebracións lembran a importancia do sector primario, non só como motor económico, senón tamén como parte esencial da nosa cultura e do noso modo de vida”.