Besteiro acusa a Rueda de renunciar a 380 millóns para vivenda pública por orde de Feijóo

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a rectificar e aceptar os 380 millóns de euros ofrecidos polo Goberno de España para impulsar a vivenda pública en Galicia. Segundo destacou, esta partida permitiría triplicar o investimento do último plan de vivenda, chegando a construír preto de 4.000 vivendas públicas.
Besteiro fixo estas declaracións en Lugo, acompañado polo alcalde Miguel Fernández, a concelleira Ana Abelleira e a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, na rúa Fabio Máximo, onde sinalou que alí se levantaron as últimas vivendas públicas promovidas pola Xunta hai máis de 16 anos, coincidindo co último goberno socialista en Galicia.
Na actualidade, segundo recordou, existen máis de 22.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública, das cales 1.600 viven en Lugo cidade e 1.000 máis no resto da provincia.
Besteiro criticou duramente que Rueda rexeite participar no plan estatal de vivenda dotado con máis de 7.000 millóns de euros, asegurando que a decisión responde a unha estratexia de confrontación política do PP e de Feijóo desde Madrid. “Rueda di non, non porque non sexa necesario, senón porque obedece ordes”, afirmou.
Segundo apuntou, comunidades como Navarra, Asturias, Cataluña ou Castela-A Mancha xa se adheriron ao plan e recibirán máis de 1.500 millóns. “Aquí, en cambio, deixamos pasar unha oportunidade histórica para atender as necesidades habitacionais da cidadanía”, lamentou.
O líder socialista comprometeuse a seguir reclamando que o Goberno manteña a oferta para que Galicia non perda estes 380 millóns: “É unha cuestión de responsabilidade. Galicia necesita estes recursos, Lugo tamén, e moitas familias están agardando unha solución real ao problema da vivenda”.