Besteiro acusa a Rueda de “saquear as arcas municipais” e impor unha relación de subordinación cos concellos

O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “saquear as arcas municipais” e de impor unha “relación de subordinación” cos concellos que, ao seu xuízo, vulnera os principios básicos da autonomía local.
Durante a súa intervención, advertiu de que o Goberno galego está trasladando ás entidades locais responsabilidades propias da Administración autonómica sen garantir os recursos económicos necesarios. Entre os exemplos citou o mantemento de comedores escolares, centros de saúde, escolas infantís ou novas obrigas en materia de patrimonio, vivenda e saúde pública.
Besteiro puxo o foco no Servizo de Axuda no Fogar, onde hai concellos que destinan ata o 30 % do seu orzamento para cubrir un servizo que, segundo sostivo, debería estar plenamente financiado pola Xunta, afectando especialmente aos municipios máis pequenos.
Tamén criticou o canon da auga, que cualificou de “dobre imposición”, e denunciou que os fondos recadados non retornan aos concellos en forma de investimentos proporcionais.
Lei de Administración Local
O líder socialista referiuse igualmente ao anteproxecto da nova Lei de Administración Local, que considera insuficiente para corrixir esta situación. Segundo indicou, o texto non establece garantías temporais nin financeiras claras para asumir as competencias pactadas no Pacto Local de 2006.
“A nova lei non impulsa o financiamento necesario para cubrir as obrigas que a propia Xunta está impoñendo aos concellos”, afirmou, reclamando un sistema obxectivo e estable que asegure igualdade de trato entre municipios.
Transparencia sobre Altri e a AP-9
Na súa réplica, Besteiro ironizou sobre o feito de que Rueda reclame coñecer o contencioso da AP-9 entre o Estado e a Comisión Europea mentres se nega a facer público o memorando asinado coa empresa Altri a través da Sociedade Impulsa.
O secretario xeral do PSdeG reclamou a desclasificación inmediata dese pacto e advertiu de que non se pode “esixir luz para os demais e manter na sombra os propios acordos”.
Finalmente, insistiu en que os concellos “non son subordinados da Xunta”, senón administracións con competencias propias que deben contar con financiamento suficiente e estable.