Besteiro acusa a Rueda de seguir as instrucións de Feijóo na financiación da autonomía

O PSdeG esíxelle á Xunta que diga "con cifras claras" cal é o seu modelo e se está pactado co resto de comunidades do PP
besteiro
4 Sep 2026

O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu este venres á Xunta que explique que modelo de financiación autonómica defendeu no Consello de Política Fiscal e Financeira e canto custa. "Disto hai que falar con cifras claras", dixo. E deixou unha segunda pregunta enriba da mesa: se esa proposta está acordada co resto de comunidades gobernadas polo PP ou é só a de Galicia.

A reunión da Comisión Interparlamentaria serviu para fixar o calendario e a acción política dun curso que definiu como claramente preelectoral. Arranca o 1 de setembro e remata en xuño ou xullo de 2027, coas municipais e as xerais á vista. "Non é un ano calquera".

O portavoz socialista avisou de que o PP xa entrou de cheo nesa liorta electoral. "Sobe o nivel de confrontación e baixan os límites", resumiu. A súa tese é que ao PP na oposición xa non lle quedan liñas vermellas, e puxo como exemplo a maneira en que está a xestionar politicamente o ocorrido en Ceuta ou o que fixo en Lugo co “pacto do Tanatorio”.

Na financiación, Besteiro lembrou que a dirección nacional do PP e o propio Feijóo anunciaron onte o voto en contra, un día antes de que empezase o Consello. Iso, dixo, deixa pouca marxe e obriga a preguntarse que grao de autonomía teñen os gobernos autonómicos do PP para defender as súas propias alegacións. Non se pode estar en contra dun modelo sen presentar outro. "Se non, do que estamos falando é doutra cousa e non de construír".

Reclamou tamén coherencia co discurso do presidente da Xunta. Se o que é de todos se fala entre todos, "gustaríame ver como se materializa" nunha proposta común de todas as comunidades do PP. E advertiu do que vén despois: se a discusión pasa ao Congreso, a decisión sae da man das autonomías e queda nos grupos parlamentarios. "Aí perdemos capacidade de influencia, porque a comunidade autónoma se negou a debater cal era o seu modelo por obedecer a Feijoo".

Insistiu en que a oferta do Goberno se podía mellorar: “Como dixen antes do verán, Galicia podería duplicar esa cantidade e chegar aos 1.000 millóns, moi por riba dos 500 adicionais que reclamaban Corgos e Rueda hai uns meses”. Hai meses que advertín de que había que dialogar co Goberno de España pero “non se fixo porque non se quixo." Unha oportunidade perdida, na súa opinión.

Antes de todo iso está a condonación da débeda. Besteiro volveu situala como "o quilómetro cero" da financiación autonómica: 4.010 millóns para Galicia que se debaterán no Congreso este trimestre. "Se hai unha condonación de 4.010 millóns, coincidiremos todos en que a situación financeira de Galicia é mellor que antes de aceptala." Confía en que saia adiante, "polo ben de Galicia", pese a que o PP segue negándose.

Sobre Ceuta, pediu seriedade e responsabilidade, e marcou a diferenza entre falar de inmigración e usala. "Podemos discutir de fronteiras, de retornos, de cooperación internacional e de política migratoria", admitiu. O que non lle parece aceptable é converter menores e adolescentes en munición electoral. "Un menor que chega só segue sendo un menor."

Aí cargou contra a posición do PP galego. Non se pode pedir solidariedade con Ceuta na rúa e despois mirar para outro lado cando Ceuta necesita axuda para atender a eses menores. Lembrou que o Goberno de España destinou máis de 300 millóns á cidade autónoma e reclamou que as comunidades asuman a parte que lles corresponde, co cumprimento legal por diante e cos prazos que iso implica. "Nos guste ou non, significa tempo."

Preguntado pola asistencia de Alfonso Rueda ás manifestacións do 2 de setembro "a título persoal", foi taxativo: "O presidente da Xunta non vai a ningún sitio a título persoal, é presidente da Xunta as 24 horas." Manifestarse é lexítimo e ninguén o discute, engadiu. O que non acepta é "a simulación e o engano" de convocar por unha cousa cando en realidade se vai a outra.

A interparlamentaria repasou tamén as emerxencias que vive Galicia. A da vivenda, que "hoxe ninguén nega", sobre todo para a xente nova. A climática, cos incendios do ano pasado e coa seca deste verán, que xa non é só unha dificultade de abastecemento para as persoas: "Hai desabastecemento no ámbito industrial e no agrario e gandeiro." Sen planificación e sen anticipación, avisou, estas situacións van repetirse.

Houbo tempo tamén para a sanidade, un "desastre" que se repite cada verán, e para a dependencia. Aquí avisou de que o partido vai ser esixente: o Estado comprometeuse a asumir o 50% do financiamento do sistema e a achegar 6.200 millóns adicionais ás comunidades entre 2026 e 2027, así que o PSdeG vai vixiar que a Xunta poña a súa metade.

A memoria democrática ocupou outro punto da axenda da interparlamentaria. Besteiro reivindicou as declaracións do Pazo de Meirás e das illas de San Simón e Santo Antón, ás que se sumarán a cidade de Ferrol, o Vello Cárcere de Lugo e o expediente aberto para o Campo Aragón, en Ourense. "É importante lembrar o que pasou para que non volva acontecer."

Rematou fixando o marco do curso. "Queremos ser útiles desde a nosa posición. Estamos na oposición, e iso non nos impide achegar racionalidade, seriedade, responsabilidade e, sobre todo, vista larga para os vindeiros anos." Enfronte, dixo, un PP que goberna con maioría absoluta pero que está "a seguir as cousiñas que lle marquen desde Madrid por riba dos intereses de Galicia".

0.30328989028931