Besteiro acusa a Rueda de traizoar Galicia ao rexeitar negociar o financiamento por orde de Génova

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este luns ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de consumar unha “traizón a Galicia” ao rexeitar negociar un novo modelo de financiamento autonómico por decisións adoptadas fóra da comunidade.
“A negativa a negociar o financiamento galego non nace en San Caetano: nace en Génova e asinouse onte en Zaragoza”, afirmou Besteiro, quen acusou a Rueda de “baixar a cabeza ante Alberto Núñez Feijóo e calar e acatar”.
Antes de entrar no fondo político, o líder socialista iniciou a súa comparecencia trasladando as condolencias do socialismo galego polo accidente ferroviario ocorrido en Adamuz (Córdoba), expresando a solidariedade coas vítimas, coas súas familias e coas persoas feridas.
Xa no plano político, Besteiro denunciou que Rueda renunciou a defender un modelo propio de financiamento que permita reforzar uns servizos públicos “claramente colapsados”, como a sanidade, a dependencia ou as políticas de vivenda. “Rueda non negocia porque Feijóo xa decidiu por el”, subliñou.
O secretario xeral do PSdeG lembrou que o actual sistema de financiamento leva caducado 13 anos e que a negociación “non é unha opción, senón unha obriga”. Nese sentido, puxo cifras ao deterioro dos servizos públicos en Galicia: máis de 350.000 persoas en listas de espera sanitarias, 22.700 persoas agardando por unha vivenda pública e atrasos de até un ano no recoñecemento da dependencia.
Segundo explicou, o Goberno de España puxo enriba da mesa unha proposta concreta que garante que ningunha comunidade recibirá menos recursos e que incorpora máis de 21.000 millóns de euros adicionais ao sistema. Para Galicia, engadiu, isto suporía polo menos 580 millóns de euros máis ao ano. “Hai apenas dous meses Rueda recoñecía unha infrafinanciación de 500 millóns, e agora négase a negociar unha proposta que mellora claramente esa cifra”, criticou.
Besteiro denunciou tamén que o PP carece de calquera alternativa propia e lembrou outras decisións recentes da Xunta, como o rexeitamento á condonación de máis de 4.000 millóns de euros de débeda, aos fondos estatais para vivenda pública ou ás axudas para escolas infantís, mentres se manteñen beneficios fiscais de arredor de 700 millóns de euros anuais para as rendas máis altas.
Finalmente, advertiu da situación do financiamento local e do impacto do traslado de competencias aos concellos sen recursos suficientes, con especial referencia ao Servizo de Axuda no Fogar. “Rueda está afogando ás administracións locais e poñendo en risco servizos básicos”, afirmou, lembrando o ultimato lanzado pola Fegamp para reformar o modelo de financiamento municipal.