Besteiro acusa a Rueda de tratar aos servizos sociais “como un problema que externalizar” no canto dunha política pública central

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este xoves ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de tratar aos servizos sociais “como un problema que se externaliza” en lugar de facer deles unha política pública central.
Así o manifestou durante unha xuntanza con colectivos sociosanitarios de Pontevedra, na que analizou a falla de liderado político real por parte do goberno galego e o impacto que isto ten no sistema de atención á dependencia.
Besteiro puxo como exemplo desa “externalización” o caso das residencias construídas pola Fundación Amancio Ortega, que son doadas á Xunta para que a xestión final “pase a ser privada ou confesional”.
Afeoulle ao goberno galego que ceda funcións estruturais das políticas públicas a entidades privadas ou fundacións, lembrando que “quen está a pagar os salarios destes servizos non é a Xunta, senón as entidades sociais a crédito”. Indicou que actualmente 88 organizacións xestionan 5.188 prazas de atención á discapacidade concertadas, moitas das cales se ven obrigadas a abrir liñas de crédito para poder manter a actividade ante a falta de actualización dos concertos sociais.
O líder socialista advertiu que “hoxe en Galicia os servizos sociais non son a resposta ao avellentamento e á dependencia, senón que son o problema”, debido á falla de xestión da Xunta e á ausencia dun liderado político efectivo.
Criticou a “crise aberta” na xestión da dependencia, que provoca retrasos inasumibles, saturación dos servizos e descoordinación, afectando ás persoas usuarias e ás entidades que os prestan.
Besteiro lembrou que a Consellería de Política Social leva 16 anos incumprindo a obriga legal de aprobar un Plan Estratéxico de Servizos Sociais, polo que o sistema continúa funcionando sen un marco estratéxico claro, con consecuencias graves para os servizos da súa competencia.
O secretario xeral do PSdeG mantivo este encontro antes de participar nunha reunión coa militancia das comarcas de Arousa e Pontevedra, xunto co secretario xeral provincial, David Regades.