Besteiro acusa ao PP de avalar a impunidade ao impedir que Rueda compareza polo caso do exconselleiro do Mar

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este luns ao Partido Popular de "amparar a impunidade" ao impedir, cos seus votos, que o presidente da Xunta comparecese no Parlamento para explicar a súa actuación diante da denuncia por agresión sexual contra o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares.
"Onte pedinlle ao presidente que dera a cara, que comparecese e explicase por que, sabendo da denuncia desde febreiro, non fixo absolutamente nada", declarou Besteiro. "Rueda escolleu ocultar a información, homenaxear publicamente ao conselleiro denunciado e condenar ao silencio á vítima. Esa actitude é un aval á impunidade".
O portavoz socialista cualificou a actuación de Rueda de “irresponsable”, sinalando que “o que está en xogo non é só unha denuncia gravísima, senón a resposta institucional fronte a ela”. “A responsabilidade dun presidente non é encubrir, senón garantir transparencia, rigor e protección das vítimas. Rueda fixo xusto o contrario”.
Tamén interveu a portavoz socialista na Xunta de Portavoces, Elena Espinosa, quen lamentou que o PP evitara a comparecencia do presidente. “É inadmisible que estivese ocultando a información durante meses. Non se pode consentir que se vitimice a quen presenta unha denuncia. Hai que respectala”, afirmou.
Espinosa rexeitou as palabras do PP na Xunta de Portavoces, nas que se referían ao caso como un delito no "ámbito privado". "Todo o mundo sabe que, cando falamos de violencia de xénero, eses delitos son públicos desde hai anos. Ademais, falamos dunha persoa con responsabilidade institucional", apuntou.
O Grupo Socialista insiste na necesidade dunha "transparencia absoluta" e denuncia que non dar explicacións é unha forma de encubrimento. "Cando un presidente cala ante unha denuncia así, está lanzando unha mensaxe equivocada á sociedade", concluíu Besteiro.