Besteiro acusa ao PP de bloquear o uso do galego en Europa e reclama planificación ambiental á Xunta

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este mércores en Bruxelas o dereito do galego a ser lingua de uso nas institucións da Unión Europea. Tras unha reunión co vicepresidente do Parlamento Europeo, Javi López, acusou ao Partido Popular de ser “o único obstáculo” que impide que o idioma propio de Galicia consiga ese recoñecemento.
“Se hoxe non se fala galego en Europa é porque o PP non quere. É así de sinxelo”, asegurou o líder socialista, quen lembrou que diferentes grupos políticos xa apoian a incorporación do galego, catalán e euskera ao funcionamento ordinario das institucións comunitarias. Tamén destacou o papel dos eurodeputados Javi López e Nicolás González Casares neste proceso.
Besteiro continúa esta semana unha intensa axenda institucional no Parlamento e na Comisión Europea, con encontros centrados en enerxía, medio ambiente, vivenda, pesca e competitividade. “No ADN deste país está a defensa do noso idioma e a defensa dos nosos dereitos”, subliñou.
O líder socialista apelou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que “se poña do lado de Galicia e presione no seu partido” co obxectivo de que o galego dea o salto ao ámbito europeo. “Non hai máis escusas. E máis pronto que tarde venceremos a resistencia do PP”, afirmou.
Críticas á xestión ambiental da Xunta
Na súa intervención ante os medios, Besteiro denunciou a “parálise estrutural” da Xunta en materia de política ambiental, asegurando que existe un “incumprimento flagrante” da Rede Natura desde hai máis de 17 anos.
“Non hai planificación na Rede Natura nin no desenvolvemento das enerxías renovables. A Xunta falla na xestión, falla no cumprimento da lexislación europea e penaliza o desenvolvemento industrial do país”, advertiu tras reunirse co gabinete da Comisaria de Medio Ambiente.
O secretario xeral do PSdeG sostivo que esta falta de planificación non só implica riscos de sanción e perda de fondos europeos, senón que ademais “está xerando unha Galicia a dúas velocidades”, incapaz de avanzar en sustentabilidade e competitividade.
Sobre Altri: “un proxecto fallido e sen encaixe en Galicia”
Besteiro volveu situarse en contra do proxecto de Altri na Ulloa, que cualificou de “absolutamente fallido” polo seu impacto ambiental, pola súa desconexión co modelo forestal galego e pola ausencia de apoio do Fondo de Innovación europeo.
“Somos as socialistas e os socialistas quen estamos freando ese proxecto, porque non é bo para Galicia nin ambiental nin economicamente”, subliñou.
Tamén criticou a moratoria do eucalipto, que considerou “ineficaz” ao non impedir o crecemento das plantacións: “É un exemplo da forma de gobernar do PP: parches, improvisación e falta de control”.
O inventario forestal pendente, insistiu, demostrará que “a moratoria foi papel mollado” e que a Xunta “non fixo nada por ordenar o monte nin por recuperar especies autóctonas”.