Besteiro acusa ao PP de defender a pesca en Galicia e avalar os recortes en Bruxelas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe en Burela que a Comisión Europea rectifique e retire a súa proposta de recorte dos fondos destinados á pesca, que no marco financeiro plurianual 2028-2034 se reducirían a un terzo dos actuais. Unha medida que, segundo advertiu, pon en risco milleiros de empregos e empresas ligadas á industria do mar.
Durante a súa visita á Feira do Bonito de Burela, Besteiro acusou ao PP de defender unha cousa en Galicia e facer a contraria en Bruxelas, ao avalar estes recortes desde as institucións comunitarias. Sinalou que a redución de 4.000 millóns de euros nas contribucións á pesca supón unha ameaza directa ao sector e chamou a “loitar” contra ela, especialmente a quen “controla a Comisión” e ten máis responsabilidade. “Non chega con dicir aquí que se defende a pesca; hai que presionar en Europa para impedir este recorte”, insistiu.
Besteiro puxo Burela como “exemplo de futuro” cunha pesca profesional e sostible, e reivindicou a Feira do Bonito como “a mellor exposición do sector e da industria mariña galega”. Pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao PP que traballen en Europa para manter o orzamento pesqueiro nos niveis actuais.
Eólica e normativa ambiental
O líder socialista tamén celebrou o recente fallo do Tribunal de Xustiza da UE que permitirá reactivar parques eólicos paralizados, mais advertiu que “non resolve todas as paralizacións”, xa que persisten proxectos bloqueados por cuestións ambientais. Criticou que en 16 anos de goberno do PP en Galicia non se adaptou a normativa autonómica ás directivas europeas, o que fixo perder a Galicia o liderado en renovables. Chamou ao Executivo galego a actualizar con urxencia a lexislación ambiental para desbloquear proxectos.
Besteiro estivo acompañado pola alcaldesa de Burela, Carmela López; o senador César Mogo; e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.