Besteiro acusa ao PP de traizoar aos pensionistas galegos ao votar coa ultradereita contra a subida das pensións

O secretario xeral do PSdeG critica que o PP votase con Vox contra a revalorización das pensións e sinala a Rueda por “calar e consentir” unha decisión que afecta a máis de 700.000 pensionistas galegos.
bESTEIRO
28 Jan 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao Partido Popular de “traizoar aos pensionistas galegos” tras votar no Congreso xunto con Vox en contra do decreto do escudo social, que incluía a revalorización das pensións conforme ao IPC.

Besteiro advertiu de que esta decisión supón “darlles as costas a máis de 700.000 persoas maiores e vulnerables en Galicia” e criticou que o PP utilice aos pensionistas como arma política para castigar ao Goberno central. “Aquí non se castiga a un goberno, castígase á xente”, afirmou.

O líder socialista lembrou que en Galicia hai máis de 700.000 pensionistas, moitos deles con pensións medias inferiores ás do conxunto do Estado, para quen a actualización anual das pensións resulta clave para facer fronte aos gastos básicos do día a día, como a alimentación, a luz, a auga ou os medicamentos.

Besteiro subliñou tamén que o decreto rexeitado incluía outras medidas de protección social, como a prohibición dos desafiuzamentos e dos cortes de subministracións básicas a persoas vulnerables, e criticou a “hipocrisía” do PP por intentar aparentar moderación mentres “vota coa ultradereita para derrubar dereitos fundamentais”.

O secretario xeral do PSdeG sinalou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao PP galego por avalar esta posición. “Cando o PP vota con Vox contra a subida das pensións, Rueda cala e consinte. E cando se cala ante unha decisión así, está aceptando que sexan os pensionistas galegos quen paguen o prezo desa alianza”, denunciou.

⚙ Configurar cookies
0.38231086730957