Besteiro acusa ao PP de usar ás vítimas de violencia machista como arma política

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, critica como “indecentes e vergonzosas” as declaracións de Diego Calvo, ao que acusa de empregar ás vítimas como ferramenta de presión para forzar a renovación do convenio da Policía Adscrita
Besteiro
5 Dec 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao PP de utilizar ás vítimas de violencia machista como “arma política” tras as declaracións do vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, a quen cualificou de “indecente e vergonzoso” por empregar a protección das mulleres vítimas como instrumento de presión fronte ao Ministerio do Interior. Segundo Besteiro, Calvo estaría tentando evitar a sinatura dun convenio caducado desde 2008 relativo á Unidade da Policía Adscrita a Galicia (UPA Galicia).

O convenio regula a colaboración e financiamento da unidade, que entre outras funcións é responsable da protección das vítimas de violencia machista a través do sistema VioGén. Besteiro criticou que o Goberno galego condicionase a súa renovación, unha práctica que considera “inxustificable” e que “traspasa todas as liñas vermellas”.

O líder socialista sostén que, segundo fontes sindicais, Galicia conta con 350 policías adscritos, dos cales só 13 están dedicados ás tarefas de protección das vítimas, fronte aos 20 axentes destinados á seguridade persoal do presidente Alfonso Rueda. “Esa é a prioridade do PP: protexerse a si mesmos antes que protexer ás mulleres”, afirmou.

Besteiro advertiu de que a gravidade da situación non reside só nesas cifras, senón na propia ameaza: “É tremendo que o PP chegue a suxerir que poderían deixar sen respaldo ás vítimas se o Ministerio non acepta as súas condicións. Iso non é un desacordo administrativo: é cruzar unha liña que un goberno nunca debería cruzar”.

O líder do PSdeG denunciou tamén que a Xunta está convertendo a UPA Galicia “nun instrumento de confrontación co Goberno de España”, ao mesmo tempo que “abandona ás vítimas e desvia axentes das súas funcións”. Lembrou que a administración autonómica retirou recentemente 16 axentes da vixilancia do Parlamento para acompañar conselleiros en actos institucionais, “sen utilidade pública definida”.

Besteiro puxo en contexto a situación lembrando que, no que vai de ano, 42 mulleres foron asasinadas en España, dúas delas en Galicia, e máis de 6.000 continúan baixo seguimento por risco. “Nun escenario así, lanzar unha ameaza deste tipo non só é irresponsable: infunde medo e destrúe a confianza das vítimas nas administracións que deben protexelas”.

Por todo isto, o grupo parlamentario socialista rexistrou a petición de comparecencia urxente do conselleiro Diego Calvo no Parlamento galego para que explique as súas declaracións e a posición da Xunta. “As vítimas non poden quedar atrapadas nun pulso político entre administracións”, concluíu Besteiro.

⚙ Configurar cookies
0.35094213485718