Besteiro adianta que Altri quedará fóra da planificación eléctrica, o que suporía o “terceiro non do Goberno á macrocelulosa”

O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este luns que o proxecto industrial de Altri quedará excluído da Planificación da Rede Eléctrica 2025-2030, o que suporía, segundo dixo, “o terceiro e definitivo non do Goberno á macrocelulosa”.
Besteiro lembrou que a propia Xunta vinculou a viabilidade desta iniciativa ao seu enganche á rede, polo que a súa exclusión implicaría a inviabilidade do proxecto. “Se non se inclúe na planificación, o proxecto non poderá poñerse en pé”, advertiu.
O líder socialista recordou que Altri xa fora rexeitada en dúas ocasións anteriores: primeiro, ao quedar fóra das axudas do Plan de Descarbonización, e despois ao non acceder aos 250 millóns extraordinarios solicitados á Unión Europea. “Agora, coa súa exclusión da planificación da rede eléctrica, confírmase que este proxecto non ten futuro en Galicia”, afirmou.
Neste sentido, insistiu en que o PSdeG será a garantía de que non se financie con cartos públicos ningún proxecto que comprometa o futuro ambiental e social do país. “Galicia non pode hipotecar o seu desenvolvemento cunha macrocelulosa que non encaixa nin na normativa europea nin na planificación enerxética do Estado”, concluíu.
Besteiro tamén criticou a falta de transparencia no impulso de Altri, que definiu como “un proxecto imposto, nado baixo a escuridade e convertido no proxecto estrela de Alfonso Rueda, mais sempre rodeado de incógnitas, ocultismo e falsas promesas sobre a súa actividade central ou o número de postos de traballo”.