Besteiro advirte a Rueda: “Se non ten valor para denegar Altri, cruzará a liña da prevaricación”

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu no Parlamento que a decisión final sobre o proxecto Altri corresponde exclusivamente á Xunta e acusou a Rueda de manter Galicia nunha “indefinición calculada”
Besteiro
4 Dec 2025

O secretario xeral do PSdeG e voceiro parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, lanzou unha advertencia directa ao presidente da Xunta durante a sesión de control, despois de que Alfonso Rueda evitase, unha vez máis, responder á pregunta formulada polos socialistas sobre o futuro do proxecto Altri.

Besteiro afirmou que Altri se converteu no “fracaso persoal” de Rueda e lembroulle que a decisión final sobre a implantación da macrocelulosa é “exclusiva da Xunta”, que —subliñou— non pode seguir adiando os prazos nin agochándose detrás de informes incompletos. “Se vostede non ten o valor de denegar Altri, estará cometendo algo peor que un erro político: estará cruzando a liña da prevaricación”, advertiu.

O líder socialista acusou ao Goberno galego de manter Galicia atrapada “nunha indefinición calculada” malia coñecer desde hai meses a inviabilidade ambiental, económica e social do proxecto. Criticou tamén a falta de transparencia da Xunta, denunciando que o pacto con Altri a través de Impulsa Galicia “nunca se explicou publicamente” e que a documentación relacionada desapareceu da web institucional: “O pacto existe e vostedes agochárono. Cando algo se agocha é porque non se pode contar”.

Besteiro reivindicou ao PSdeG como “dique de contención” fronte á macrocelulosa tanto en Galicia como no Estado, e lembrou que nin o Goberno central nin a Unión Europea avalan actualmente o proxecto. Indicou que Altri quedou sen os 250 millóns prometidos, sen fondos do PERTE, sen conexión eléctrica e sen cumprir co principio europeo de non dano significativo. “Europa non lle pecha a porta a Galicia; quen queda fóra é Altri”, afirmou.

O dirixente socialista defendeu que é a realidade técnica, ambiental e financeira a que inviabiliza o proxecto, e non decisións políticas ou territoriais: “A única que queda desconectada é Altri. Porque quen non cumpre os requisitos non é o país, é o proxecto”.

Na súa intervención, cualificou as previsións de emprego e impacto económico da macrocelulosa como “irreais e infladas” e acusou a Rueda de soster persoalmente unha iniciativa “que non é viable nin ambiental, nin económica, nin socialmente”.

Besteiro criticou que a Xunta eliminase documentación do proxecto da súa web e que o presidente non fixese ningunha referencia ao seu contido nin ao estado da tramitación, limitándose —dixo— a recorrer de novo á confrontación co Goberno central. Pechou reclamando unha decisión inmediata: “Galicia merece transparencia, rigor e responsabilidade. A única administración que pode resolver é a Xunta. E xa non hai máis tempo: vostede debe pronunciarse. Debe facelo xa”.

⚙ Configurar cookies
0.22122406959534