Besteiro advirte da “tramitación exprés” de Altri e acusa a Rueda de agochar a verdade sobre a viabilidade do proxecto

O PSdeG denuncia a falta de transparencia do Goberno galego e esixe explicacións claras sobre o impacto real da iniciativa
Besteiro Altri
17 Mar 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe a falta de transparencia do Goberno galego respecto ao proxecto de Altri, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución ambiental favorable. Lamenta que esta decisión non despexe dúbidas fundamentais sobre o proxecto, mentres a Xunta segue sen ofrecer respostas claras sobre o seu impacto real.

Dende o inicio, o PSdeG advertiu sobre as serias incógnitas que presenta a iniciativa: “A súa sostibilidade non só no aspecto ambiental, senón tamén no social e económico, están en entredito. Porén, o Goberno galego evitou responder con datos cribles ás nosas preguntas”, afirmou Besteiro.

O líder socialista criticou que, malia os anuncios iniciais sobre a creación de emprego, as cifras foron reducíndose progresivamente, evidenciando a falta de seriedade do proxecto. “Estamos a falar de 250 millóns de euros de diñeiro público. Non é unha cantidade menor, é unha aposta que pode hipotecar recursos fundamentais para Galicia. Pode Galicia permitirse destinar unha suma tan elevada a unha empresa que non garante un futuro solvente? Isto é unha irresponsabilidade absoluta”, denunciou.

"Por que Altri recibe un trato de favor?"

Besteiro tamén mostrou a súa sorpresa ante a rapidez coa que a Xunta tramitou os informes ambientais, unha celeridade inusual en comparación con outros proxectos industriais en Galicia. "Cando se trata de iniciativas que realmente benefician á cidadanía, a Xunta pon trabas e atrasa os procesos. Pero para Altri todo vai a toda velocidade. Por que este trato de favor? Que se agocha detrás destas présas?", preguntou.

O líder do PSdeG esixe a Alfonso Rueda que aclare inmediatamente se comprometerá fondos públicos no proxecto e en que cantidade. “Pregunteino unha e outra vez, pero seguimos sen resposta. A opacidade e a falta de explicacións son xa a marca do Goberno de Rueda, e Altri é un exemplo máis desta forma de actuar”, denunciou.

Por iso, Besteiro reclama unha posición clara e honesta do Goberno galego sobre o proxecto e advirte de que o PSdeG non aceptará ningunha operación que comprometa recursos públicos sen garantir beneficios reais para Galicia.

“Non imos permitir que se xogue cos cartos dos galegos e galegas sen dar explicacións. Estamos a falar de 250 millóns de euros, unha cantidade que podería destinarse a servizos esenciais e que agora se pon ao servizo dunha empresa privada sen garantir retorno. Esiximos transparencia, rigor e certezas. Galicia merece saber a verdade”, concluíu Besteiro.

⚙ Configurar cookies
0.11081695556641