Besteiro advirte que a dereita quere impugnar os avances dos últimos sete anos e chama a relanzar o proxecto de goberno coa igualdade no centro de acción política

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta mañá no Comité Federal do PSOE, onde fixo un chamamento a tomar a iniciativa política e reforzar o proxecto de Goberno fronte á estratexia de bloqueo da dereita. Apostou por recentrar o debate nos problemas reais da cidadanía, cun proxecto cohesionado entre o partido e o Goberno.
Besteiro advertiu que PP e Vox pretenden “impugnar a política dos últimos sete anos”, poñendo en risco avances sociais e democráticos. “Queren derrubar o Goberno e danar o PSOE por moito tempo”, asegurou, pedindo non asumir o seu marco e actuar con firmeza.
Reivindicou tamén a reforma da xustiza impulsada polo Executivo, sinalando que “non é pregarse á dereita, senón acabar cos privilexios e democratizar o sistema”. Fíxoo dende a súa experiencia persoal, destacando que “o anómalo é que non se fixera hai 30 anos”.
O líder socialista galego pediu relanzar o proxecto político do PSOE e colocar a igualdade como eixo central da acción política. Subliñou a necesidade de dar a batalla ideolóxica en temas clave como a vivenda, onde denunciou que “o extremismo do PP vai contra os intereses da cidadanía”.
Por último, pediu reforzar a coordinación entre Goberno e territorios fronte á ofensiva da dereita desde as comunidades autónomas, e apelou á esencia da política socialista: “Debemos seguir situando o eixo da igualdade no centro da nosa acción política”.