Besteiro anuncia mobilizacións contra a Xunta pola “asfixia deliberada” aos concellos con competencias impropias

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusa ao Goberno de Xunta de Galicia de trasladar obrigas sen financiamento aos concellos e avanza accións políticas e xudiciais para garantir un modelo xusto.
Besteiro-PSdeG
3 Feb 2026

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este luns o inicio de mobilizacións contra a Xunta de Galicia pola “asfixia deliberada” que, ao seu xuízo, sofre a Administración local tras 17 anos de Goberno do PP.

Besteiro compareceu acompañado polo secretario de Política Municipal do PSdeG e alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, tras a reunión da Executiva socialista, na que se analizou o impacto do que cualificou como un “saqueo sistemático” das arcas municipais a través do incremento constante de competencias impropias.

Segundo denunciou, a Xunta impón aos concellos a prestación de servizos sen garantir o financiamento necesario, o que está levando a moitas entidades locais “a un punto límite, incluso ao bordo da quebra”. “A Xunta decide o modelo, fixa os estándares que considera, amplía obrigas e traslada a factura”, afirmou, en referencia a servizos como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), os comedores escolares, o mantemento de colexios ou a conservación de centros de saúde.

O líder socialista lembrou que esta situación ten a súa orixe no incumprimento do Pacto Local asinado en 2006, durante o Goberno de Emilio Pérez Touriño, e advertiu de que dúas décadas despois a Xunta segue sen asumir o financiamento íntegro dos servizos que impón ás entidades locais.

Neste sentido, anunciou que o PSdeG actuará “política e xudicialmente” se é necesario, prestando apoio aos concellos que decidan presentar demandas contra a Xunta polo infrafinanciamento de servizos esenciais, especialmente o SAF, para o que reclamou que o Goberno galego asuma o 100 % do seu custo, tal e como establece a lei.

Besteiro criticou tamén a falta de reinvestimento dos impostos autonómicos na mellora das infraestruturas hidráulicas e denunciou unha actuación “discrecional e partidista” por parte da Xunta, favorecendo a concellos gobernados polo PP.

Ante o anuncio de Alfonso Rueda dunha nova lei de Administración local, Besteiro advertiu de que o PSdeG activará iniciativas para que a norma inclúa unha revisión global das competencias impropias, un reforzo do Fondo de Cooperación Local e un plan estratéxico de subvencións con criterios obxectivos de reparto.

“O PSdeG mobilizarase para que Rueda e o PP rectifiquen unha inxustiza histórica no trato aos concellos”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.28687810897827