Besteiro asegura que o PSOE vai frear a VOX gañando un terceiro deputado na Coruña

José Ramón Gómez Besteiro chamou hoxe en Santiago a “pelexar ata o último voto para que o 29 de novembro siga habendo en España un goberno progresista liderado por Pedro Sánchez”. Durante unha visita ao mercado compostelán con candidatos e cargos, o secretario xeral do PSdeG advertiu que neste momento os socialistas están disputando coa ultradereita o último escano do Congreso pola provincia. “O PSOE é quen lle vai poñer o dique a Vox na Coruña cun terceiro deputado”, vaticinou para pedir “ese voto forte que representa á xente”.
Besteiro destacou a importancia do que está en xogo na circunscrición, como é “conter á extrema dereita que nega a violencia machista”, e mostrouse convencido de que van ser as mulleres e a mocidade quen impulsen decisivamente a candidatura socialista. “O luns ímoslle dicir a Feijoo que estea caladiño”, engadiu respecto das palabras machistas do líder popular onte no debate a catro.
No último día de campaña, o secretario xeral trasladou “a mesma ilusión coa que comezamos” e asegurou que a xente está acollendo “con entusiasmo, con agarimo e con desexo” as propostas socialistas. Por iso, descartou que o domingo se produza “unha involución histórica”. Insistiu en que, ao contrario, “o Partido Socialista seguirá liderando un goberno de progreso”.
Respecto do debate, tamén lamentou “o espectáculo bochornoso” que deu a coalición PP-Vox, con insultos “e negándose a condenar a violencia de xénero” e cun “tic machista” inexplicable.
“Neste último día de campaña queremos seguir manifestándonos contra os bulos, contra a desinformación e contra quen nega a violencia machista, que son a dereita e a ultradereita” insistiu. “Desde que comezou a campaña, cinco mulleres asasinadas polo feito de ser mulleres”, recordou, e a iso engadiu a cifra de 1.391 crimes desde que hai rexistro. “Nós non imos poñer o contador a cero”, advertiu, e concluíu: “O 29 de novembro, vamos, a votar forte e claro”.