Besteiro avisa de que o PSdeG defenderá aos concellos “por todas as vías” se a Xunta non garante o seu financiamento

O líder do PSdeG alerta de que os concellos están asumindo máis de 700 millóns de euros anuais por competencias impropias e non descarta accións xudiciais se a Xunta mantén o seu “abandono institucional”.
Besteiro
13 Jan 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este luns de que o socialismo galego defenderá “por todas as vías, tamén as xudiciais”, aos concellos se a Xunta de Galicia continúa incumprindo a súa obriga de financialos mentres lles impón novas competencias sen recursos.

Nunha rolda de prensa posterior ao Comité Nacional do PSdeG celebrado esta fin de semana, Besteiro cualificou esta situación de “abandono institucional” e alertou de que está a poñer en risco tanto a viabilidade económica das administracións locais como a prestación de servizos esenciais á cidadanía.

Segundo explicou, este abandono ten unha tradución económica moi concreta: máis de 700 millóns de euros anuais que os concellos están asumindo por competencias impropias impostas pola Xunta, segundo estimacións da Fegamp. “Mentres se afoga economicamente aos concellos, o PP rexeita sistematicamente máis recursos para Galicia”, denunciou.

Neste sentido, lembrou o veto do Goberno galego á condonación de 4.010 millóns de euros da débeda autonómica, o rexeitamento a fondos estatais para vivenda e escolas infantís e, agora, a oposición á proposta dun novo modelo de financiamento autonómico que achegaría arredor de 600 millóns de euros adicionais a Galicia.

SAF, o exemplo máis claro do abandono

Besteiro puxo o foco de maneira especial no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao que definiu como “o mellor exemplo do abandono institucional da Xunta”. Lembrou que este servizo atende a máis de 25.000 persoas en Galicia e que, malia ser competencia autonómica, o seu custo real —xa por riba dos 21 euros por hora— está a ser asumido maioritariamente polos concellos, mentres a achega da Xunta apenas rolda os cinco euros.

Esta situación, advertiu, leva a que nalgúns concellos se destine ata o 30 % do orzamento municipal a manter o SAF, especialmente nos municipios pequenos e rurais, con poboación moi envellecida. “Hai dificultades reais para cumprir coas horas esixidas e un risco directo para a atención ás persoas”, sinalou.

Por este motivo, anunciou que o PSdeG apoiará aos concellos que decidan levar esta situación ante a Xustiza, ao entender que o marco normativo é claro: “quen ten a competencia debe poñer os recursos”.

Financiamento autonómico: PP e BNG, “fóra de xogo”

En relación co novo modelo de financiamento autonómico, Besteiro subliñou que a proposta do Goberno de España “non é nin un concerto nin un cupo” e situou tanto ao PP como ao BNG “fóra de xogo” neste debate.

No caso do Partido Popular, criticou que non teña ningún modelo alternativo e que admita que non o presentará ata dentro dun ano. No caso do BNG, reprochoulle defender un concerto económico que cualificou de “lesivo para Galicia” por romper os mecanismos de solidariedade entre territorios. “Quen goberna Galicia non pode dicir que non ten posición sobre como se financian os servizos públicos”, advertiu.

Besteiro apelou finalmente á lealdade institucional, á equidade territorial e ao respecto á autonomía local como condicións indispensables para garantir os servizos públicos. “Sen concellos fortes non hai dereitos garantidos nin unha Galicia cohesionada”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.27338290214539