Besteiro: “Cada hectárea queimada este verán leva a sinatura da inacción do PP”

O PSdeG inaugurou este sábado o ciclo Diálogos con Raíz cunha xornada titulada A Galicia que Arde, centrada nun dos maiores desafíos do país: os incendios forestais. O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu de que “cada hectárea queimada este verán leva a sinatura da inacción do PP”.
Besteiro subliñou que os incendios “non son unha maldición inevitábel nin unha tradición do verán galego”, senón “o resultado da inacción política, do abandono do territorio e de décadas sen unha estratexia seria para o monte”.
O líder socialista reclamou unha transformación profunda das políticas forestais: “Non abonda con chegar a apagar incendios. Hai que actuar todo o ano, investir en prevención, garantir contratos estables e facer do monte galego un espazo vivo, produtivo e coidado”.
Tamén cargou contra o Goberno galego por “pretender pasar páxina cada setembro con anuncios baleiros e medidas improvisadas”. “Galicia merece algo mellor que propaganda institucional mentres o país se queima. É hora de poñer a terra no centro da política”, afirmou.
O encontro contou coa participación de expertos e voces de referencia do ámbito forestal, ambiental e social, como o profesor da Universidade de Vigo Juan Picos, o bombeiro da BRIF de Laza Cristóbal Medeiros, a gandeira e voluntaria Marina Vaz, o presidente do Instituto Galego de Terras en Man Común Claudio Quintillán, o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias Jacobo Feijóo e a presidenta da Asociación de Enxeñeiros/as Forestais da Xunta, Raquel Carreira.
Segundo Besteiro, o abandono do rural está directamente relacionado coa expansión dos incendios: “En Ourense, nos últimos 50 anos perdéronse máis de 140.000 habitantes, e nas dúas últimas décadas desapareceu o 30% da capacidade agraria e gandeira da provincia. Se non miramos cara ao territorio dun xeito diferente, seguiremos condenados a que o monte arda e a que Galicia perda o seu potencial máis valioso”.
Con A Galicia que Arde, Diálogos con Raíz arrinca un novo ciclo de debates que porán o foco nos grandes temas que afectan á cidadanía, coa vontade de abrir espazos de reflexión e propostas reais para construír unha Galicia máis xusta, sostible e preparada para o futuro.