Besteiro: “Celebrar Galicia é apostar polo seu futuro, o que o PP e o BNG non fixeron votando contra o impulso enerxético do país”

Ás portas da celebración do Día de Galicia, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este xoves no acto institucional de entrega das Medallas de Galicia na Cidade da Cultura. Fíxoo, segundo as súas palabras, “con respecto institucional, como sempre facemos”, pero tamén coa intención de expresar unha visión sobre “o país que somos e, sobre todo, o que queremos chegar a ser”.
No seu discurso, Besteiro lamentou o rexeitamento do decreto antiapagamamentos no Congreso por parte do PP, Vox e BNG, cualificando esta decisión como “un golpe ás posibilidades de futuro para Galicia”. O líder socialista explicou que a norma representaba unha oportunidade para mellorar a rede eléctrica galega, impulsar as renovables, apoiar o autoconsumo e favorecer a instalación de industrias e centros de datos no territorio.
“A verdade é que hoxe tocaba festexar, recoñecer, sentir orgullo. Pero tamén hai cousas que non se poden calar”, declarou, criticando que o PP actuase “por bloqueo sistemático” e o BNG por “intransixencia”, co resultado de deixar a Galicia “fóra” do avance enerxético.
Besteiro reivindicou que o PSdeG seguirá apostando por “enerxía limpa, industria moderna e oportunidades para a xente moza que quere traballar aquí e non ter que marchar”. Ademais, avanzou a celebración da tradicional ofrenda a Castelao en Rianxo, que o PSdeG mantén dende hai case tres décadas cada 25 de xullo.
“Ofreceremos ante Castelao a nosa Galicia: un país plural, democrático, con ambición de futuro e con memoria. Porque sen memoria non hai proxecto”, afirmou. E concluíu cunha mensaxe directa: “Non chega con colgar a bandeira. Hai que defender Galicia de verdade: a súa lingua, a súa identidade, pero tamén o seu porvir industrial e a súa capacidade de medrar e decidir. Iso é o que nos xogamos”.