Besteiro censura que o PP fale de igualdade “cando Montoro manexaba as leis en beneficio duns poucos”

O secretario xeral do PSdeG reprochou que Rueda e Feijóo carezan de proposta sobre financiamento autonómico e gardaran silencio ante os recortes da Comisión Europea á pesca e ao agro.
Besteiro
18 Jul 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou que Feijóo e Rueda falen de igualdade cando acaban de saír á luz os manexos do Goberno de Aznar para favorecer a determinadas empresas. “Onte descubrimos que o milagre económico que era Montoro se dedicaba a xestionar leis en beneficio duns poucos”, dixo tras coñecerse a imputación do exministro por introducir cambios normativos en favor de grandes compañías vinculadas ao seu antigo bufete.

Tamén censurou que Feijóo anunciase que derogaría calquera novo modelo de financiamento autonómico se chega a gobernar, malia non ter presentado alternativa. “Aínda non sabemos cal é o seu modelo, máis alá de opoñerse a todo”, criticou Besteiro, que lamentou a inacción de Rueda ante un debate clave para Galicia.

Reclamou un financiamento singular que teña en conta o avellentamento e a dispersión poboacional, e denunciou que o actual presidente galego prefira promover “bonificacións para os grandes patrimonios” mentres evita posicionarse con valentía en defensa dos intereses galegos.

Besteiro tamén advertiu dos perigos do modelo defendido polo BNG, baseado no concerto económico, “que prexudicaría claramente a Galicia” e que non está sobre a mesa do Goberno central. Fronte a iso, defendeu un modelo xusto, exportable a todos os territorios e que garanta solidariedade e suficiencia financeira.

O líder socialista chamou a atención sobre os recortes que propón a Comisión Europea, “escorada ao PP”, cun 66 % menos para a pesca e máis dun 20 % menos para a PAC. Preguntouse se este asunto foi abordado polo PP durante a visita do comisario europeo de Pesca a Galicia e criticou o silencio de Rueda.

En relación coa acollida de menores migrantes, censurou a cancelación da Conferencia Sectorial de Infancia polo boicot das comunidades do PP, cualificándoa de “profundamente insolidaria”. Reivindicou a tradición emigrante de Galicia e o papel clave da inmigración no crecemento económico.

⚙ Configurar cookies
0.25613188743591