Besteiro centrará a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento no fracaso das políticas de emprego da Xunta

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamará ao presidente da Xunta no próximo Pleno do Parlamento que asuma responsabilidades polo “fracaso sen paliativos” das políticas de emprego do Goberno galego. Así o anunciou a viceportavoz socialista Elena Espinosa, logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día da sesión da vindeira semana.
Espinosa advertiu que a situación do emprego en Galicia é “moito peor” que no resto do Estado e criticou que a Xunta utilice os datos para “intentar enganar á cidadanía”. Indicou que a baixada da taxa de paro débese á perda de poboación activa e non á creación de emprego, mentres no conxunto de España aumentaron tanto os postos de traballo como o número de traballadores.
Tamén anunciou que os socialistas presentarán unha pregunta oral para que o conselleiro de Traballo explique que medidas pensa tomar ante a situación en Sargadelos, tras a decisión do propietario de pechar a fábrica durante catro días e despedir a tres traballadores, nunha decisión que cualifican de “represalia”.
O Grupo Socialista presentará ademais unha interpelación para que se convoque de maneira inmediata o Consello Autonómico e os consellos provinciais de emprego, órganos que segundo Espinosa non foron reunidos nin unha soa vez nesta lexislatura, malia a súa obriga legal de xuntarse cada seis e tres meses, respectivamente.
En materia de igualdade, os socialistas presentarán unha proposición non de lei para pedir á Xunta que garanta a plena igualdade das persoas LGTBI+ no acceso e permanencia no mercado laboral.
Sanidade e lingua
No ámbito sanitario, o PSdeG reclamará mediante unha moción a posta en marcha dun plan de choque para reducir as listas de espera, tanto en cirurxía como en consultas e probas diagnósticas. Tamén formularán preguntas sobre o atraso das obras no CHUAC da Coruña e a necesidade dun aparcadoiro no Hospital de Montecelo en Pontevedra.
Finalmente, presentarán unha proposición non de lei para que o PP se pronuncie co seu voto sobre o apoio ao uso do galego no Parlamento Europeo.
Espinosa abriu a súa intervención lembrando o papel de Besteiro durante o apagón enerxético do día anterior, destacando a capacidade de resposta dos servizos públicos e a colaboración exemplar da cidadanía galega.