Besteiro chama a erguer Galicia fronte á "onda reaccionaria" e reivindica o PSdeG como "dique democrático"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu o Comité Nacional Galego cunha chamada a “erguer Galicia fronte á onda reaccionaria” e reivindicou ao socialismo como “o principal dique democrático” nun momento político que cualificou de “extraordinariamente difícil”. Segundo advertiu, están en xogo “os dereitos, a convivencia e o propio rumbo democrático”.
Besteiro denunciou que o avance da ultradereita en España e Europa está arrastrando o PP “a posicións cada vez máis radicais”, nun contexto no que “a barbarie internacional se converteu nun ruído de fondo” e no que a política precisa máis que nunca “claridade, serenidade e compromiso democrático”. Asegurou que esta penetración da extrema dereita é xa “unha ameaza real” en Galicia, con enquisas que reflicten un apoio crecente ás súas teses.
Críticas a Rueda e ruptura de consensos
O líder socialista acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “deixar de exercer como presidente de Galicia” para actuar como “peón do guión político de Feijóo”, asumindo discursos que rompen consensos históricos, como o pacto contra a violencia machista. Citou tamén o caso dos menores migrantes, denunciando a “actitude de boicot” da Xunta e advertindo das consecuencias de alimentar discursos de odio.
Besteiro contrapuxo a evolución de España, “que funciona”, coa situación de Galicia: “A realidade é teimuda: o emprego medra, a economía avanza e os dereitos consolídanse. Pero Galicia vai máis lenta porque á Xunta fáltalle proxecto, impulso e capacidade de xestión”.
Renovación interna e mirada ás municipais de 2027
O secretario xeral destacou que o PSdeG completou o seu ciclo de renovación e que o partido está xa centrado en despregar propostas e presenza en todo o territorio de cara ás municipais de 2027: “Vexo proxectos sólidos onde gobernamos e alternativas crecientes onde aínda non o facemos. Galicia sabe que estaremos á altura”.
Reivindicou o valor da militancia: “Somos unha enerxía colectiva que percorre Galicia”. Anunciou que continuará percorrendo o territorio nun programa estable de encontros, e confirmou a convocatoria dun Consello de Alcaldes e Alcaldesas antes de rematar o ano para “protexer de verdade os servizos públicos”.
Desigualdades crecente polo abandono da Xunta
Besteiro alertou dunha Galicia “cada vez máis desigual” pola falta de políticas da Xunta. Sinalou tres datos especialmente graves:
- 22.700 persoas agardando vivenda pública (cifra récord).
- 360.000 galegos e galegas en listas de espera sanitarias.
- 349 días de media para resolver unha axuda á dependencia.
Acusou ao PP de non executar os orzamentos de vivenda, recortar fondos en dependencia e non reforzar o persoal sanitario: “É unha ineficiencia programada”.
Tras a súa recente viaxe a Bruxelas —onde mantivo 17 reunións con responsables de áreas clave— afirmou que Europa “está preocupada polo parón de Galicia” en eólica, vivenda, Rede Natura ou política climática.
Financiamento municipal e fiscalidade
Besteiro denunciou o constante traspaso de competencias aos concellos sen financiamento, especialmente no Servizo de Axuda no Fogar. Retou a Rueda a reclamar ao Estado se cre que hai débeda: “E se ten razón, apoiámolo. Pero mentres tanto, que pague o que debe”.
Tamén criticou que as baixadas fiscais do PP beneficien só “ao 4% máis privilexiado”, mentres a maioría social sofre alugueiros imposibles, gasolina cara e servizos públicos deteriorados: “Nós traballamos para quen si precisa que a política lle cambie a vida”.
Besteiro concluíu cun chamamento á mobilización: “Fronte á Galicia das desigualdades, aquí estamos nós. Isto non vai de heroes en solitario: vai de equipo. Galicia non vai avanzar se non avanzamos xuntos”.
O Comité Nacional pechou a xornada coa renovación da Comisión de Listas do PSdeG, ratificada por aclamación. O órgano queda composto por:
- Executiva Nacional Galega: Lara Méndez López, Ángel Rivas González, Silvia Fraga Santos, Natalia González Benéitez e Luis Ángel Lago Lage.
- Comité Nacional Galego: Marina Vaz Quintillán, Diego Fernández López, Pilar García Porto, Luis Gómez Peña, Paz Villar Paredes e Miguel Crende López.