Besteiro chama a “falar claro” sobre o xenocidio en Gaza: “O que está pasando é insoportable”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sumouse ás mobilizacións contra a guerra en Gaza e pediu “falar claro” ante o que cualificou de xenocidio: “Non hai xustificación posible para tanta barbarie”.
Besteiro
16 Jun 2025

Coincidindo coas manifestacións convocadas pola plataforma Pararlaguerra.es, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un chamamento este sábado a “falar claro” sobre o que está a suceder na franxa de Gaza, un conflito que cualificou como “unha ferida aberta na conciencia da humanidade, que cada vez sangra máis”.

“O que está pasando é insoportable: nenos e nenas asasinados, hospitais arrasados, familias enteiras sepultadas baixo os cascallos… Non é unha operación militar, é un xenocidio”, denunciou Besteiro, quen subliñou que o PSdeG se suma ás mobilizacións organizadas en diferentes cidades galegas para esixir o fin da violencia.

O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia insistiu en que “non toca mirar para outro lado, toca falar claro, toca actuar”, porque “non hai xustificación posible para tanta barbarie”. Neste sentido, apelou ao compromiso ético e político: “Como demócratas, como representantes públicos, pero sobre todo como persoas, non podemos calar”.

Besteiro advertiu que a defensa dos dereitos humanos non pode depender de intereses xeopolíticos, senón que é unha cuestión de principios: “Trátase dunha obriga moral. Hoxe, estar á altura é estar do lado da vida, da paz e da dignidade en Gaza”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.30057692527771