Besteiro chama a mobilizarse en defensa da sanidade pública galega ante a desidia de Rueda

O líder do PSdeG reuniuse con SOS Sanidade para mostrar o apoio do partido á manifestación do 6 de abril en Santiago
Besteiro reunion
21 Mar 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo esta mañá unha reunión co portavoz da plataforma SOS Sanidade, Manuel Martín, para trasladarlle o apoio dos e das socialistas galegos á manifestación convocada para o domingo 6 de abril en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública.

Na xuntanza, celebrada na sede nacional do PSdeG, participaron tamén a deputada e portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego, Elena Espinosa; o secretario de Sanidade do PSdeG e portavoz da Executiva, Julio Torrado; e, por parte da plataforma, Carlos Pardo.

Besteiro apelou á mobilización da cidadanía: “É unha cita á que todos e todas debemos acudir”. Advertiu de que a sanidade pública está a ser obxecto de “ataques inaceptables desde a dereita política” e denunciou a desidia do Goberno galego. Criticou que a Xunta manteña centros de saúde pechados, que falten profesionais e que as listas de espera sexan “interminables”.

Segundo os últimos datos, máis de 220.000 galegos e galegas están agardando por unha cita cun especialista, e preto de 51.000 persoas seguen en lista de espera para unha intervención cirúrxica.

O líder socialista destacou que o PSdeG estará presente “coma sempre estivo” nesta mobilización, lembrando que o partido foi “membro fundador” da plataforma SOS Sanidade. Comprometeuse, ademais, a continuar defendendo uns servizos públicos de calidade como eixo central das políticas socialistas.

Besteiro tamén sinalou que Galicia está á cola do Estado no investimento por habitante en atención primaria. Engadiu que as condicións laborais do persoal do Sergas son das peores do país, os MIR están entre os peor remunerados e a ratio de profesionais sanitarios por habitante está moi por debaixo da media estatal.

⚙ Configurar cookies
0.10569095611572