Besteiro chama a plantarse ante o “discurso do odio” e condena o ataque incendiario de Monforte

O secretario xeral do PSdeG responsabilizou á ideoloxía ultra dos delitos de odio e amosou o seu apoio á veciñanza de Pantón e O Bolo polos lumes, ademais de reafirmar na Pont-Up Store a aposta socialista polo emprendemento rural e a economía social.
Besteiro
22 Sep 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este sábado contra “o discurso do odio” e chamou á sociedade a plantarse ante a ideoloxía ultra que o alimenta. Tras o ataque incendiario da madrugada nun inmoble de Monforte no que a Xunta tiña previsto acoller a nenos e nenas migrantes, o líder socialista sinalou que este tipo de delitos son “consecuencia directa” duns mensaxes que “entre todos e todas temos que parar”.

Besteiro reclamou “responsabilidade” á sociedade e ao conxunto da clase política, subliñando que esas actitudes merecen “desprezo e condena clara”. Ademais, mostrou a súa confianza en que a investigación policial permita identificar canto antes ás persoas responsables do atentado.

Durante a súa intervención na feira de emprendemento Pont-Up Store, Besteiro comezou trasladando unha mensaxe de “apoio e ánimo” á veciñanza de Pantón e O Bolo, afectados polos graves incendios que motivaron a intervención da UME. O socialista expresou o seu desexo de que Galicia supere “rapidamente esta situación”, marcada por unha vaga de lumes “sen precedentes”.

Besteiro referiuse tamén ao conflito en Gaza, denunciando o que cualificou como “xenocidio” por parte do Goberno israelí. Asegurou que o PSdeG continuará reclamando a paz “cada día e en cada acto”, e criticou a quen se poñen “de perfil ante a barbarie” en lugar de situarse “do lado da humanidade”, en referencia ás ausencias rexistradas nos minutos de silencio convocados pola Fegamp.

No seu percorrido pola Pont-Up Store, Besteiro estivo acompañado polo portavoz socialista en Pontevedra, Iván Puentes; as deputadas autonómicas Paloma Castro e Silvia Longueira; o delegado de Zona Franca, David Regades; e outros membros da executiva do PSdeG. Valorou a orientación do encontro cara a proxectos vinculados co rural, a innovación, as mulleres e a economía social, destacando a importancia de conectar o coñecemento coa actividade económica e de facilitar fórmulas de financiamento para os colectivos que máis o precisan.

⚙ Configurar cookies
0.40055584907532