Besteiro chama á unidade para reforzar o proxecto socialista de cara ás municipais de 2027

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lanzou este sábado unha mensaxe de unidade e compromiso político no Congreso Provincial da Coruña, animando á militancia a reforzar o proxecto socialista nos concellos de cara ás eleccións municipais de 2027. “Temos que levantar a cabeza, dicir con orgullo que somos socialistas, que temos un modelo que funciona e que queremos gobernar para transformar”, proclamou.
Besteiro reivindicou os valores da solidariedade, a cooperación e a responsabilidade como sinais de identidade dun partido con 146 anos de historia transformadora. “Non somos só municipalistas, somos un partido con proxecto de país, con visión europea e con vocación de maioría”, afirmou.
O líder socialista salientou os avances logrados polos gobernos do PSOE, como o incremento do salario mínimo, a estabilidade laboral, a defensa dos servizos públicos ou a aposta pola igualdade, e instou á militancia a traballar desde xa en candidaturas “fortes, competitivas e ilusionantes”.
Mencionou especificamente os retos nas grandes cidades da provincia: A Coruña, con Inés Rey como referente; Ferrol, cun proxecto de futuro sólido; e Santiago, “cun papel clave como capital histórica e cultural que debe recuperar o seu liderado”.
Besteiro arremeteu contra o PP e acusou a Rueda de actuar “desde a confrontación e a sumisión a Madrid”, poñendo como exemplo a súa ausencia durante o recente apagón eléctrico. Tamén criticou o “soberanismo desfasado” do BNG e defendeu a vocación europeísta e internacionalista do PSdeG.
Rematou cunha mensaxe de esperanza: “Temos un modelo que funciona, que produce benestar, e que a dereita non soporta. Esa é a nosa forza: gobernar para a maioría desde a proximidade, a responsabilidade e a ilusión”.