Besteiro chama no 25N a frear o negacionismo da ultradereita: “Nin un paso atrás”

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou no 25N manter a firmeza fronte ás posturas negacionistas da ultradereita e da “dereita compracente”, lembrando que a concienciación social é clave para previr a violencia machista.
Besteiro
26 Nov 2025

O secretario xeral do PSdeG e portavoz socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, realizou este 25N en A Coruña un chamamento á firmeza diante “das posturas negacionistas que avanzan cada vez máis desde a ultradereita e que tamén absorbe a dereita compracente”. No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, pediu poñer fin “ás ameazas e ao medo” que sofren as mulleres “polo simple feito de seren mulleres”.

Antes do acto institucional na Delegación do Goberno, no que participou na lectura do manifesto, Besteiro proclamou: “Conta a violencia machista, nin un paso atrás”. Subliñou ademais que “a concienciación social serve, a presión social serve, e que todos vaiamos na mesma dirección serve para que non se produza violencia machista”.

O líder socialista reclamou “firmeza e contundencia”, valores que, afirmou, xa comparte “a inmensa maioría dos galegos e galegas”, fronte a quen nega a violencia, aspira ao retroceso das leis ou “normaliza espazos de violencia tamén no ámbito dixital”. Por iso pediu manter unha “crítica constante, día a día”.

Críticas ao PP polo sucedido en Manzaneda

En declaracións aos medios, Besteiro denunciou as “prácticas rexeitables” do PP pola súa actuación na moción de censura en Manzaneda. Acusou aos populares de promover “compra de vontades e non respectar os resultados electorais”. Sinalou que se trata dunha práctica “cada vez máis crecente no Partido Popular de Rueda” e resumiu a súa estratexia: “Se non gañamos as eleccións, facémonos co poder mediante esa compra de vontades”.

Afirmou que este comportamento “antidemocrático” vai en contra da vontade dos veciños e veciñas, e trasladou o seu apoio a Amable Fernández, a quen definiu como “alcalde moral”, convencido de que “nas vindeiras eleccións volverá selo”.

Caso Uzal

Besteiro tamén valorou a condena a José Norberto Uzal, ex director xeral de Administración Local con Feijóo, sentenciado a 19 anos de prisión por un fraude de 154 millóns de euros. Indicou que o fallo “confirma aínda máis as amizades perigosas que tiñan Feijóo e Rueda”.

Lembrou que Uzal era “brazo dereito” do agora presidente da Xunta cando este era conselleiro de Presidencia, e que a sentenza apunta de novo “a un entorno de intrigas e negocios escuros” no PP.

Fiscalía Xeral do Estado

Sobre o relevo na Fiscalía Xeral do Estado, Besteiro valorou positivamente a proposta do Goberno: “É unha muller de enorme prestixio, fondas conviccións e unha verdadeira modernizadora, comprometida especialmente coa loita contra a violencia de xénero”.

Agradeceu o “sentido democrático” do fiscal xeral saínte e expresou o seu respecto ante a súa renuncia, aínda que lamentou a controversia polo seu caso xudicial. “Moita xente non o entende, pero nun sistema democrático tamén se pode expresar se unha sentenza se comparte ou non”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.24965500831604