Besteiro critica a falla de propostas de Rueda no modelo de financiamento: “Deixe de agardar polas instrucións de Feijóo e comece a defender os intereses de Galicia”

secretario xeral do PSdeG acusa a Rueda de carecer dun modelo propio no debate do financiamento autonómico e emprazao a negociar un sistema singular para Galicia, que recoñeza o avellentamento e a dispersión poboacional.
Besteiro Camarinas
17 Jul 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afeoulle ao presidente da Xunta a súa falla de modelo propio no debate sobre o novo sistema de financiamento autonómico. Durante unha visita á festa do Carme en Camariñas, acompañado pola alcaldesa Sandra Insua e representantes institucionais do PSdeG, Besteiro instou a Rueda a deixar de agardar polas instrucións de Feijóo e comezar a defender os intereses reais de Galicia.

“O PP non ten modelo de financiamento, só silencio”, afirmou, engadindo que o presidente galego “non pode seguir calado mentres se negocia algo tan importante como os recursos para a sanidade, a educación ou os servizos sociais do noso país”.

Besteiro defendeu un financiamento singular para Galicia, que recolla as especificidades como o avellentamento, a dispersión territorial e a perda de poboación. “Galicia achega, pero tamén necesita solidariedade”, declarou, destacando que o Goberno de España está disposto a garantir máis e mellores recursos, polo que “Rueda debe implicarse e deixar o populismo fiscal”.

O líder socialista acusou ao presidente da Xunta de manter unha política incoherente, na que “se reclama máis cartos mentres se rebaixan impostos ás maiores fortunas”. Ao tempo, reclamou máis competencias e autogoberno desde a lealdade institucional.

Na súa visita a Camariñas, Besteiro tamén pediu un financiamento máis xusto para os concellos e reclamou a execución da autovía da Costa da Morte ata Cee, compromiso pendente desde hai 17 anos. Ademais, apoiou a petición do Concello de que Portos de Galicia exima o pago anual de máis de 5.000 euros para as festas do Carme, que se celebran en terreos portuarios.

⚙ Configurar cookies
0.26581501960754