Besteiro critica que Galicia peche 2025 peor ca hai un ano e acusa á Xunta de vivir allea aos problemas reais da cidadanía

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, fixo balance político do ano 2025 advertindo de que Galicia “está obxectivamente peor ca hai un ano”, unha afirmación que, segundo explicou, se sostén en datos oficiais que “desmontan o relato triunfalista do Partido Popular”.
En materia de vivenda, Besteiro lembrou que o número de persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública pasou de 18.000 a 22.700 nun só ano, o que supón 4.700 persoas máis, un incremento do 25 %, “sen que a Xunta dea resposta a esa demanda”. Para o líder socialista, esta evolución confirma que as políticas da Xunta “non están sendo eficaces” e que seguen centradas na construción, esquecendo a rehabilitación e a mobilización do parque de vivendas existente.
Neste contexto, reclamou a creación dun banco público de alugueiro que actúe como intermediario, ofreza garantías aos propietarios e permita incorporar ao mercado vivendas actualmente desocupadas a prezos moderados. “Hai vivenda que pode ser utilizada xa, pero fai falta unha administración que se implique e dea seguridade”, subliñou.
No ámbito da sanidade, Besteiro advertiu de que máis de 360.000 persoas están á espera dunha consulta médica e arredor de 50.000 agardan por unha intervención cirúrxica, mentres os investimentos non medran ao ritmo do IPC nin das necesidades reais do sistema. Ademais, lembrou que existen preto de 200 concellos sen atención pediátrica, unha situación que afecta a uns 12.000 nenos e nenas e que evidencia, ao seu xuízo, “o baleirado da atención primaria, especialmente no rural”.
En canto á dependencia, cualificou de “inasumible como sociedade” unha espera media de 350 días para obter unha resolución administrativa e denunciou que milleiros de galegos e galegas faleceron nos últimos anos sen recibir resposta. “Non é un problema menor de xestión, é unha falla estrutural do sistema de servizos sociais”, afirmou.
Besteiro tamén criticou a política forestal e medioambiental da Xunta, sinalando que Galicia pecha o ano sen publicar o Pladiga, malia as máis de 120.000 hectáreas calcinadas este verán. Denunciou a ausencia dunha estratexia preventiva real e advertiu de que o incumprimento dos compromisos adquiridos desde 2019 “condena o país a repetir os mesmos erros”, especialmente na Galicia interior.
No plano industrial, cuestionou a inexistencia dunha estratexia coherente, con proxectos anunciados como estratéxicos que non avanzan, e citou como exemplo a macrocelulosa de Altri, que cualificou como “un proxecto que Galicia non necesita nin é positivo nin social, nin ambiental nin economicamente”.
Finalmente, no ámbito económico, sinalou que, aínda que a economía medra, Galicia faino por debaixo da media estatal, e reprochou ao PP a falta dunha posición clara sobre a financiación autonómica. Defendeu a condonación da débeda como positiva para Galicia e reclamou máis competencias e máis autogoberno. “Quen asume máis responsabilidades dispón de máis recursos para exercelas”, concluíu, avanzando que o Comité Nacional do PSdeG do vindeiro 10 de xaneiro abordará estes retos como antesala dun ano decisivo.