Besteiro critica que Galiza peche 2025 peor ca hai un ano e acusa á Xunta de vivir allea aos problemas reais da cidadanía

O secretario xeral do PSdeG denuncia o fracaso das políticas da Xunta en ámbitos como a vivenda, a sanidade, a dependencia ou o medio ambiente, con datos oficiais que, ao seu xuízo, desmontan o discurso triunfalista do PP.
Besteiro
30 Dec 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este luns balance político do ano 2025 advertindo de que Galiza “está obxectivamente peor ca hai un ano”, unha afirmación que sustentou en datos oficiais que, segundo dixo, “desmontan o relato triunfalista do Partido Popular”.

En materia de vivenda, Besteiro sinalou que o número de persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública pasou de 18.000 a 22.700 nun só ano, o que supón 4.700 persoas máis, un incremento do 25 %, sen que a Xunta dea resposta efectiva a esta demanda. Ao seu xuízo, as políticas do Goberno galego non están a funcionar, ao centrarse case exclusivamente na construción e esquecer a rehabilitación e a mobilización do parque de vivendas baleiras.

Neste sentido, reclamou a creación dun banco público de alugueiro que exerza de intermediario, ofreza garantías aos propietarios e permita incorporar ao mercado vivendas desocupadas a prezos accesibles. “Hai vivenda dispoñible que pode utilizarse xa, pero fai falta unha administración que se implique e dea seguridade”, afirmou.

No ámbito da sanidade, advertiu de que máis de 360.000 persoas están á espera dunha consulta médica e arredor de 50.000 dunha intervención cirúrxica, ao tempo que os investimentos non medran ao ritmo do IPC nin das necesidades reais do sistema. Lembrou tamén que hai preto de 200 concellos sen atención pediátrica, unha situación que afecta a uns 12.000 nenos e nenas e que evidencia, segundo dixo, “o baleirado da atención primaria, especialmente no rural”.

Sobre dependencia, cualificou de “inasumible como sociedade” unha espera media de 350 días para obter unha resolución administrativa e denunciou que milleiros de galegos e galegas faleceron nos últimos anos sen recibir resposta. “Non é un problema menor de xestión, é unha falla estrutural do sistema de servizos sociais”, subliñou.

En política forestal e medioambiental, Besteiro criticou que Galiza peche o ano sen publicar o Pladiga, malia superar as 120.000 hectáreas calcinadas durante o verán. Denunciou a ausencia dunha estratexia preventiva real e advertiu de que o incumprimento dos compromisos adquiridos desde 2019 “condena o país a repetir os mesmos erros”, especialmente na Galiza interior.

O líder socialista cuestionou tamén a inexistencia dunha política industrial coherente, con proxectos cualificados como estratéxicos que non avanzan, e puxo como exemplo a macrocelulosa de Altri, que definiu como “un proxecto que Galiza non necesita nin é positivo nin social, nin ambiental nin economicamente”.

No plano económico, recoñeceu que a economía medra, pero advertiu de que Galiza o fai por baixo da media estatal, e criticou a falta dunha posición clara da Xunta sobre a financiación autonómica. Defendeu a condonación da débeda como unha medida positiva para Galiza e reclamou máis competencias e máis autogoberno.

Finalmente, Besteiro reivindicou a coherencia dos socialistas fronte a outras forzas políticas. “Nós actuamos e non miramos para outro lado. Pode xerar dor, pero tamén xera confianza”, concluíu, avanzando que o Comité Nacional do vindeiro 10 de xaneiro abordará estes retos como antesala dun ano decisivo para o futuro político de Galiza.

⚙ Configurar cookies
0.29644703865051