Besteiro cualifica de “burla dramática” para Galicia que Rueda non teña alternativa ao modelo de financiamento

O secretario xeral do PSdeG critica que o presidente da Xunta rexeite unha proposta que achegaría 587 millóns de euros a Galicia e lle esixe sentarse a negociar co Estado e co resto das comunidades autónomas.
Besteiro-PSdeG
15 Jan 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou este martes de “burla dramática” para Galicia que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, careza de alternativa ao modelo de financiamento autonómico e se limite a seguir “o que manda o PP de Madrid”.

Besteiro fixo estas declaracións en Lugo, tras a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, lembrando que Rueda ten “a responsabilidade de defender os intereses do noso país” e non pode instalarse na negativa sen presentar ningunha proposta propia.

“O problema do PP é que non ten modelo, nin para Galicia nin para o conxunto do Estado, ou non o quere amosar. E cando din que xa o presentarán dentro dun ano, estamos ante algo absolutamente intolerable”, afirmou o líder dos socialistas galegos.

Fronte á defensa dun concerto económico “contra a inmensa maioría dos galegos e das galegas” e fronte á ausencia de alternativa do PP, Besteiro defendeu traballar sobre a proposta posta enriba da mesa polo Goberno central e abrir unha negociación para mellorala. Neste sentido, emprazou directamente a Rueda a sentarse a negociar tanto co Estado como co resto das comunidades autónomas.

O secretario xeral do PSdeG resumiu a proposta debatida no Consello de Política Fiscal e Financeira sinalando que “apunta boa letra, e agora hai que afinar a música”. Explicou que o Estado pon máis recursos enriba da mesa e unha maior capacidade de financiamento para todas as comunidades, pero subliñou que iso non implica aceptala sen máis, senón “discutir e negociar para mellorar o resultado para Galicia”.

Con todo, Besteiro lembrou que a proposta rexeitada polo Goberno galego suporía 587 millóns de euros adicionais para Galicia, unha cifra superior aos 500 millóns que o propio conselleiro de Economía reclamaba hai apenas dous meses. “Rexeitar hoxe unha proposta que garante máis recursos dos que pedían onte é unha contradición que Galicia non pode permitirse”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.47672605514526