Besteiro cualifica de “salvaxada” o recorte do 20 % da PAC e lembra que o PP ten maioría en Bruxelas

O líder do PSdeG esixe ao Partido Popular que defenda os intereses do rural galego na UE e advirte do impacto que terá o recorte na PAC sobre prezos, emprego e o futuro das granxas familiares.
Besteiro Grupo
23 Jul 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou hoxe de “salvaxada” a intención da Comisión Europea de reducir un 20 % os fondos da Política Agraria Común (PAC) no marco financeiro 2028-2034. Fíxoo durante unha visita á granxa Gaigo SAT, situada no concello de Meira, acompañado por representantes institucionais e locais do partido.

Durante o percorrido polas instalacións, onde se atopan 250 vacas destinadas á produción de leite, Besteiro alertou do impacto que tería este recorte sobre as explotacións galegas e lembrou que o Partido Popular conta con maioría na Comisión Europea. “Falan aquí de protexer o rural, e na UE non son quen de sacar uns orzamentos que garantan o sustento das granxas”, censurou.

Segundo explicou o líder socialista, as axudas directas da PAC non só permiten manter a actividade das explotacións, senón tamén evitar que se dispare o prezo dos alimentos básicos. Tamén contribúen ao sostemento das pequenas granxas, das economías familiares e á fixación de poboación no rural, que sofre unha progresiva perda de habitantes. Desde 2015 pecharon 4.359 explotacións galegas.

Galicia, novena rexión europea en produción leiteira, conta con máis de 6.000 granxas que xeran 3 millóns de toneladas anuais e facturan 1.352 millóns de euros. Besteiro advertiu de que a redución da PAC de 378.000 a 302.000 millóns, acompañada doutro recorte na pesca (de 6.000 a 2.000 millóns), supón unha “traxedia” para o sector primario galego.

Tamén denunciou que o recorte afectará gravemente ao FEADER, o fondo destinado a desenvolver servizos, infraestruturas e dixitalización no rural, dificultando a incorporación de xente nova e a loita contra o despoboamento. “Temos que poñerlle remedio entre todos. O PP ten a responsabilidade directa de evitar esta tallada”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.27154302597046