Besteiro defende a Galicia interior e Verín e pide a mobilización da provincia de Ourense

O secretario xeral do PSdeG advirte de que se xoga un escano decisivo para frear o PP e Vox e lembra que o segundo deputado socialista está a menos de 400 votos
besteiro-verin
27 Nov 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este xoves en Verín a Galicia interior e pediu á provincia de Ourense que se mobilice ata o último voto para conseguir o segundo deputado socialista, un obxectivo que o partido sitúa a menos de 400 votos. Besteiro situou as pensións como unha das claves destas eleccións na provincia e acusou a Xunta de deixar sen respostas a emerxencia climática máis dun ano despois dos incendios que arrasaron Ourense. As e os socialistas advertiron de que a recta final da campaña é decisiva e apelaron a concentrar o voto no PSOE como única alternativa con capacidade real para arrebatar representación ao Partido Popular, frear as súas políticas e seguir avanzando da man dun Goberno socialista.

O mitin contou coa participación do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e das candidatas e candidatos socialistas de Ourense ás Cortes Xerais, Marina Vaz Quintillán, Brian Diz González, Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea. Durante o acto, a formación puxo en valor o traballo dos gobernos socialistas, contrapuxo os seus investimentos e políticas sociais aos recortes do PP e reivindicou a necesidade de que Ourense conte cunha representación que defenda os intereses da provincia.

A principal mensaxe trasladada foi clara: "Estamos a menos de 400 votos de conseguir o segundo deputado socialista por Ourense. Non podemos deixar escapar esta oportunidade. Cada voto conta e cada concello pode ser decisivo". O PSdeG-PSOE de Ourense insistiu en que non é momento de dispersar o voto progresista, senón de concentrar todos os esforzos na papeleta socialista para conseguir que o PP perda forza na provincia.

Lembra que Ourense sabe mellor ca ninguén o que vale un voto

José Ramón Gómez Besteiro apelou á memoria electoral da provincia para pedir que ninguén dea nada por feito nos últimos días de campaña. "Se hai unha provincia que coñece mellor ca ninguén a necesidade de mobilizarse ata o último voto, esa é Ourense. A noite electoral das galegas de 2024 deixounos a só 112 votos dun segundo escano por esta provincia no Parlamento de Galicia. Agora estamos a un paso de conseguir un segundo deputado no Congreso e non podemos permitir que se nos escape outra vez por quedar na casa", afirmou.

O secretario xeral do PSdeG enmarcou a cita do 29 de novembro na defensa da Galicia interior, que, segundo denunciou, leva anos escoitando promesas mentres ve como se debilitan os seus servizos públicos e como marcha a xente nova. "Ourense e a Galicia interior non piden favores, piden que se lles teña en conta. Verín sabe ben o que é iso, porque o paridoiro volveu abrir cando a veciñanza saíu á rúa e non se rendeu. Esa é a forza que necesitamos o domingo, porque cada deputado socialista máis por Ourense é unha voz máis no Congreso para defender o rural, os servizos públicos e o futuro dos nosos concellos", sinalou.

Besteiro situou as pensións como unha das claves da campaña nunha provincia onde hai practicamente un cotizante por cada pensionista e que ten a pensión media de xubilación máis baixa de España, 1.131 euros brutos ao mes segundo o informe do Instituto Nacional da Seguridade Social de febreiro. "Aquí as pensións non son un debate técnico, son o sustento de miles de fogares e de boa parte da economía dos nosos pobos. Este ano subiron un 2,7 % para non perder poder adquisitivo, e co PP subían un 0,25 %. Esa é a diferenza entre un Goberno que protexe as persoas maiores e outro que as deixa atrás, e en Ourense nótase máis ca en ningures", subliñou.

O dirixente socialista acusou tamén a Xunta de deixar sen respostas a emerxencia climática máis dun ano despois da peor vaga de incendios da historia de Galicia, que tivo en Ourense o seu epicentro e no lume de Larouco, con preto de 30.000 hectáreas, o maior incendio rexistrado na comunidade. "Mentres Ourense aínda se está a recuperar, Rueda despacha o debate climático con aquilo de 'moita teoría e pouca práctica' e o PP dálle as costas ao pacto de Estado fronte á emerxencia climática. Que llo expliquen a quen viu arder o seu monte e chegar o lume á porta da casa. A emerxencia climática non é unha teoría, é o que viviu esta provincia no verán de 2025, e precisa prevención, planificación e un Goberno galego que a tome en serio", afirmou.

O secretario xeral fixo ademais un chamamento directo á militancia e ao electorado progresista. "Estamos a un paso de que Ourense volva ter dous deputados socialistas, como tivo en 2019, e de quitarlle ao PP un dos tres escanos que ten hoxe. Ese paso dámolo entre todos, con cada agrupación que saia á rúa nas últimas horas de campaña, con cada persoa que convenza a un veciño e con cada voto que non se quede na casa. O domingo Ourense pode demostrar outra vez que non se resigna", engadiu.

Dacosta denuncia o deterioro da sanidade en Verín da man do PP e contrapón os investimentos do Goberno á falta de prevención do PP

Carmen Rodríguez Dacosta centrou a súa intervención na defensa da sanidade pública e na situación que atravesa o Hospital Comarcal de Verín, lembrando que a comarca xa tivo que mobilizarse para impedir que o Partido Popular levase adiante o peche do paridoiro impulsado polo Goberno de Feijóo.

A candidata socialista subliñou que "Feijóo quixo pechar o paridoiro de Verín e tivo que recuar pola presión da veciñanza, das familias e dos profesionais sanitarios. Foi a mobilización cidadá a que conseguiu frear unha decisión inxusta que condenaba as mulleres desta comarca a ter que desprazarse para dar a luz. Verín demostrou daquela que non se rende e que non acepta ser unha comarca de segunda".

Rodríguez Dacosta advertiu de que aquela decisión non foi un feito illado, senón parte dunha política de deterioro progresivo da sanidade pública na comarca. "O Hospital de Verín precisa recursos, profesionais e servizos. Non podemos normalizar a perda de prestacións sanitarias, as dificultades para acceder a especialistas e o debilitamento da atención hospitalaria. Vivir no rural non pode significar ter menos dereitos nin recibir unha peor atención sanitaria".

A candidata tamén contrapuxo a actuación do Goberno de España na loita contra os incendios forestais á política do Partido Popular na Xunta de Galicia. Neste sentido, puxo en valor os investimentos destinados á BRIF de Laza, ao reforzo dos medios de extinción e ás actuacións de recuperación dos terreos afectados polos grandes incendios.

"Mentres o Goberno de España inviste na BRIF de Laza e na recuperación das zonas devastadas polo lume, o PP chegou tarde á prevención e deixou o territorio nunha situación de vulnerabilidade. A política forestal non pode limitarse a actuar cando xa arde todo. Hai que investir na prevención, nos medios e na protección das persoas e dos nosos montes", afirmou.

Rodríguez Dacosta concluíu que "a comarca de Verín sabe perfectamente o que significa ter que loitar polos seus servizos públicos. Fixémolo co paridoiro e temos que seguir facéndoo coa sanidade, co rural e co futuro dos nosos concellos. O 29 de novembro tamén se vota para defender todo iso".

María Fernández Ojea apela ao voto útil para quitarlle escanos ao PP e defende as pensións públicas

Pola súa banda, María Fernández Ojea apelou á concentración do voto socialista como ferramenta decisiva para conseguir o segundo deputado por Ourense e reducir a representación do Partido Popular. A candidata ao Senado lembrou que a provincia está a menos de 400 votos de alcanzar ese obxectivo e pediu á cidadanía que non disperse o seu apoio electoral.

"O voto útil para quitarlle escanos ao Partido Popular en Ourense é o voto ao PSOE. Somos a única forza con posibilidades reais de conseguir ese segundo deputado e non podemos permitir que os votos que poden facer posible ese cambio se perdan. Estamos moi preto e temos que mobilizarnos", destacou.

Fernández Ojea tamén reivindicou a política de revalorización das pensións dos gobernos socialistas fronte á actuación do PP cando gobernou España. "Os pensionistas saben perfectamente o que significa ter un Goberno socialista. Co PSOE as pensións soben e gañan poder adquisitivo; con Rajoy perderon poder adquisitivo e quedaron condenadas á subida do 0,25 %, unha auténtica burla para millóns de persoas maiores".

A candidata advertiu de que "fronte a quen cuestiona a sustentabilidade do sistema público e abre a porta á privatización, o PSOE defende unhas pensións públicas dignas, garantidas e que permitan vivir con tranquilidade a quen traballou toda a súa vida". Neste sentido, chamou a defender nas urnas os avances sociais e a non permitir retrocesos nos dereitos conquistados.

Marina Vaz chama a mobilizar todos os concellos e a concentrar o voto no PSOE

Marina Vaz Quintillán centrou a súa intervención na necesidade de intensificar a mobilización electoral en toda a comarca e na provincia durante os últimos días de campaña. A candidata socialista apelou ao compromiso das agrupacións locais, da militancia e das persoas simpatizantes para trasladar a importancia destas eleccións a cada concello e a cada parroquia.

"Temos que mobilizar Verín, Monterrei, o Támega e todos os concellos de Ourense. Non podemos deixar que ninguén pense que o seu voto non importa, porque estamos a menos de 400 votos dun resultado histórico para a provincia", sinalou.

Vaz Quintillán insistiu en que "agora toca sumar, unir forzas e concentrar o voto no Partido Socialista. Non é momento de dispersar papeletas, senón de conseguir que cada persoa que quere un cambio e unha provincia con futuro entenda que a mellor maneira de facelo posible é votar PSOE".

Brian Diz reivindica unha provincia con futuro para a mocidade

Brian Diz González puxo o foco na necesidade de ofrecer oportunidades á mocidade ourensá e de garantir que vivir, traballar e desenvolver un proxecto de vida na provincia non sexa unha carreira de obstáculos. O candidato socialista afirmou que "Ourense non pode permitirse perder unha xeración enteira porque a mocidade non atope aquí emprego, vivenda ou oportunidades. Necesitamos políticas que permitan quedar, emprender, formar unha familia e construír un futuro sen ter que marchar obrigatoriamente a outras cidades".

Diz González reivindicou as medidas impulsadas polos gobernos socialistas en materia de emprego, formación, bolsas e dereitos laborais, e contrapuxo este compromiso á falta de oportunidades que sofre a provincia. "A mocidade tamén ten que ser protagonista destas eleccións. O noso futuro depende das decisións que se tomen hoxe e precisamos representantes que defendan os intereses de Ourense e das novas xeracións".

O candidato chamou tamén a converter esa reivindicación nunha resposta nas urnas: "Cada voto novo pode ser decisivo para conseguir ese segundo deputado socialista. O 29N temos que demostrar que a mocidade quere unha provincia con futuro e que non se resigna".

Menos de 400 votos para conseguir o segundo deputado

As e os socialistas pecharon o acto cunha mensaxe de mobilización dirixida ao conxunto da provincia. O PSdeG-PSOE de Ourense considera que estas eleccións representan unha oportunidade real para aumentar a representación socialista e restarlle forza ao Partido Popular, pero advertiu de que o resultado dependerá da capacidade de mobilización nos concellos e da concentración do voto na candidatura socialista.

A formación lembrou que conseguir o segundo deputado significaría contar cunha voz máis para defender Ourense no Congreso, para reclamar investimentos, para protexer os servizos públicos e para combater o abandono que sofre boa parte do territorio.

"Estamos a menos de 400 votos. É unha oportunidade real e non podemos deixala escapar. Necesitamos que toda a provincia se mobilice, que cada concello se implique e que ninguén quede na casa. O voto socialista é o que pode facer posible ese segundo deputado e o que pode conseguir que o PP perda representación en Ourense".

1.3466670513153