Besteiro defende a postura de Sánchez ante a escalada internacional e critica que Rueda e Pontón volvan de Bruxelas “sen nada para Galicia”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este martes a posición do Goberno de España fronte á actual escalada de tensión internacional e destacou que o Executivo que preside Pedro Sánchez está a actuar “con coherencia e responsabilidade”.
Besteiro valorou a declaración institucional realizada polo presidente do Goberno e subliñou que España aposta pola defensa do dereito internacional, a diplomacia e o rexeitamento da guerra como vía para resolver os conflitos. Segundo explicou, abandonar este marco significaría entrar nun escenario no que prevalecería a lei do máis forte, algo que considerou incompatible cos valores democráticos.
O líder socialista referiuse tamén ás consecuencias económicas da actual situación internacional e á necesidade de que Europa abra novos mercados para reforzar o tecido produtivo. Neste contexto, advertiu de que a política arancelaria impulsada por Donald Trump responde a unha estratexia de presión comercial baseada en barreiras e medidas proteccionistas.
Fronte a esa estratexia, Besteiro defendeu que Europa debe reforzar os acordos comerciais internacionais e ampliar a presenza dos seus produtos nos mercados exteriores. Segundo indicou, tratados como o acordo entre a Unión Europea e Mercosur poden representar unha oportunidade para a economía galega ao facilitar a apertura de novos mercados.
Críticas ás viaxes a Bruxelas
Durante a súa intervención, Besteiro referiuse tamén ás reunións mantidas esta semana en Bruxelas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e pola portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón.
Segundo afirmou, ambas viaxes non tiveron resultados concretos para Galicia. “A presenza de Rueda en Bruxelas serviu para facer unha foto, pero Galicia non gañou nada con esa viaxe”, sinalou, ao tempo que cuestionou o peso político do presidente galego no Partido Popular europeo.
Besteiro criticou tamén a postura do BNG respecto ao acordo con Mercosur, ao considerar que opoñerse ao tratado supón renunciar a oportunidades comerciais relevantes para os sectores produtivos galegos. Neste sentido, lamentou que a formación nacionalista coincida nesta cuestión coa postura de Vox.
O líder socialista concluíu sinalando que Galicia non pode quedar á marxe das oportunidades que ofrece o comercio internacional e defendeu a necesidade de “defender os intereses do país en Europa con rigor e con resultados”.