Besteiro defende a Sánchez e Vilagarcía como "garante dos dereitos da cidadanía"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou ayer ao PSOE e a Pedro Sánchez como “os que defendemos os intereses e os dereitos da xente”. Así o dixo no mitin central do día, en Vilagarcía xunto co alcalde da cidade, Alberto Varela, o de Vigo, Abel Caballero, e a candidata ao Congreso Tania García no mitin máis numeroso no Salón García de Vilagarcía, que reuniu a preto de 400 persoas.
Besteiro advertiu que os socialistas “nunca damos unha batalla por perdida” no nome da cidadanía que “volverá a confiar en nós porque sabe cara a quen mirar cando ten un problema”. Reivindicou así a xestión de Pedro Sánchez no goberno central durante oito anos de avance dos dereitos sociais, así como os alcaldes de Vilagarcía e de Vigo, que atenden ás necesidades dos seus veciños e veciñas cando a Xunta os abandona.
Contrastou a “forza da xente” que apoia ao PSOE porque sabe que vai defender os dereitos sociais, mentres os poderosos “miran ao PP e a Vox, porque saben que son eles os que van protexer os seus negocios, porque para eles o Estado do Benestar é facer negocio”.
Besteiro sinalou que Feióo vai na campaña electoral “acompañado pola mentira”, aludindo á súa estratexia de encher o debate electoral de falsidades e medias verdades e agora cando asegura no currículo que sacou as oposicións a letrado “antes de que houbera oposicións a letrado” e que demostra que “con Marcial Dorado estaba desorientado, agora está tamén acomplexado”.
Advertiu fronte ao intento de desmobilización dunha dereita e unha extrema dereita, que “teñen medo porque saben que o PSOE está moi por diante do PP”, e chamou a votar “con corazón e con razón” para que Pedro Sánchez teña o apoio suficiente para formar goberno catro anos máis.
Tania García
A candidata ao Congreso por Vilagarcía, Tania García, que concorre como número catro pola provincia de Pontevedra, fixo un chamamento á mobilización do voto feminino cando hai 1,2 millóns de mulleres máis que homes no censo electoral. Advertiu que logo das eleccións do domingo non haberá volta atrás nos recortes das prestacións sociais que están a anunciar a dereita e a ultradereita, que lembro que son “negacionistas da violencia machista”.
Sinalou que as mulleres serán as grandes prexudicadas dos recortes por ser as principais beneficiarias das prestacións sociais como principais responsables dos coidados e da xestión dos fogares. Ademais da perda de dereitos que lles afecta directamente, dixo, como o dereito a decidir sobre o propio corpo, logo do anuncio de Feijóo de retroceder na lexislación do aborto.
García apelou tamén á mocidade a que exerzan o dereito ao voto sendo conscientes da enorme cantidade de beneficios postos enriba da mesa polo goberno socialista e que están en serio risco de desaparecer. Sinalou o incremento do 85 por cento nas bolsas de estudos, os bonos cultura e transporte, o Plan Veo de lentes para menores, iniciativas “directamente dirixidas á mocidade e que a dereita e a ultradereita considera paguitas”.
A responsable socialista fixo balance da xestión de Feijóo para Vilagarcía dende o goberno da Xunta que, dixo, non soporta unha mínima comparación co que representou o goberno do socialista Pérez Touriño. Mentres Touriño construía 31 vivendas públicas, unha escola infantil e un colexio en apenas tres anos e medio, Feijóo en 13 anos non foi quen de facer nin unha sola vivenda nin infraestrutura educativa.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, interveu no mitin de hoxe en Vilagarcía para pedir o voto ao PSdeG como única forma real de frear á dereita e á extrema dereita e impedir un goberno que acabe cos avances sociais impulsados por Pedro Sánchez.
Incidiu tamén, como antes fixo García, na aposta do goberno de Pedro Sánchez pola mellora das condicións dos traballadores e traballadoras, o impulso da economía, os servizos públicos e a vivenda pública fronte ao desleixo do PP dende a Xunta. Explicou que os concellos tiveron que tomar a iniciativa para construír e rehabilitar inmobles, en contraste co balance de “cero vivendas públicas de alugueiro accesible” do goberno galego en Vigo nos últimos 17 anos.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, defendeu as políticas de Pedro Sánchez no goberno do Estado dirixidas a “avanzar para garantir máis igualdade e máis oportunidades e moitísima máis dignidade”. Reivindicou o traballo, “os principios e a memoria de tanta xente socialista que loitou polos dereitos que temos hoxe en día” e que “non se resignan en seguir avanzando en dereitos”.