Besteiro defende o potencial de Galicia na Intelixencia Artificial nunha visita ao CiTIUS

O líder dos socialistas galegos aféalle que prefira pagar aos bancos antes que investir na ciencia galega ao mesmo tempo que rexeita a condonación da débeda do Goberno
besteiro-visita-citius
14 Jul 2026

secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe o potencial de Galicia na Intelixencia Artificial e esixiulle a Rueda un financiamento estable á altura da capacidade científica da Comunidade Autónoma. Así o dixo na visita ao CiTIUS, na Universidade de Santiago de Compostela, xunto co candidato socialista en Santiago, Pedro Blanco, e o secretario local, Aitor Bouza.

O responsable socialista subliñou que o CiTIUS “representa á Galicia que queremos: por iso pedimos a Rueda que sitúe o financiamento e o apoio da Xunta á altura da ciencia que se fai neste país, e que sexa estable e permanente, xusto o que non é agora”. Criticou que prefira “pagarlle aos bancos antes que investir na ciencia galega”, logo de lembrar que o goberno galego vén de destinar o superávit de 191 millóns de euros a “pagar a débeda xerada polos gobernos do PP”.

Salientou a “incoherencia” do PP e do goberno galego, que “paga débeda cos cartos dos galegos mentres rexeita que o Goberno de España lle condone 4.010 millóns”, que é unha terceira parte da débeda total da Comunidade Autónoma. Sinalou que “a aposta ten que estar aquí -na investigación da Universidade pública-, e o superávit ten que reinventarse aquí, porque non é un gasto, é un investimento que multiplica o valor engadido”.

Besteiro encabezou a visita ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes -CiTIUS-, onde están a desenvolver a Xª edición da xornada de portas abertas Inside the Lab. Salientou esta “oportunidade para visualizar o enorme potencial da ciencia feita en Galicia, reivindicar o papel da Universidade como motor de innovación e trasladar o noso compromiso firme cun modelo de desenvolvemento baseado no coñecemento, o talento e a colaboración entre investigación, empresa e administración”.

Sinalou que o Citius demostra que a investigación que se fai en Galicia ten un impacto directo na vida das persoas e na competitividade das nosas empresas. Que a ciencia transfórmase en innovación, emprego cualificado e empresas capaces de competir a nivel internacional,

Apuntou a necesidade de “recursos, planificación e estabilidade” para despregar a innovación, e aludiu neste sentido ao compromiso do goberno de España en colaboración co CiTIUS e a AESIA para continuar co Proxecto Nós de desenvolvemento da IA en galego. O novo impulso anunciado a semana pasada de preto de medio millón de euros para continuar coa alfabetización en IA, a detección de sesgos, a loita contra a desinformación e no desenvolvemento dunha IA ética e fiable.

O candidato socialista no Concello de Santiago, Pedro Blanco, situou ao CiTIUS como exemplo do “Santiago moito máis moderno e innovador no que podamos atraer e reter o gran talento que temos en Galicia”. Defendeu unha cidade “moito máis industrial e tecnolóxica, á cabeza do desenvolvemetno”, e emprazou ao Concello a “abrir as portas a estes centros de investigación e de innovación, e sobre todo ás empresas tecnolóxicas”.

O líder dos socialistas galegos cualificou hoxe de “trapallada” o plan de Rueda para endurecer o control das baixas laborais que, dixo, constitúe “unha nova escusa” para “desplanificar e desmontar os servizos públicos e botar man do sector privado”. Cualificou de “disparate” unha medida que, augurou, “non vai chegar a ningún bo porto, porque cando as cousas nacen mal, rematan mal”.

Aludiu ao anuncio de recurso xudicial dos sindicatos contra esta medida, que supón un “verdadeiro circo” organizado para “quentar motores para que Feijóo diga a última palabra” ao presentar o debate a nivel nacional. Afeoulle a Rueda que estea a sinalar a médicos e enfermos cando o problema deriva da “xestión nefasta do PP”, que está a desmantelar o servizo en lugar de poñer recursos para axilizar as probas diagnósticas das persoas enfermas.

Besteiro puntualizou que “o que ten que preservarse é a saúde dos traballadores e das traballadoras” e, engadiu, “planificando, adaptando recursos e sobre todo aplicándoos para que a sanidade pública funcione ben”.

0.47991013526917